30/07/11

Semana de traballo



Nesta primeira semana de agosto finalizaremos a proposta dos delegados e delegadas da CIG do Concello de Betanzos para un novo convenio. Esta proposta será a que presentaremos na reunión ordinaria do Comité de Empresa do vindeiro venres día 5.

O persoal que estea interesado aínda está a tempo de nos achegar as súas suxestións e propostas para o mellorar, aínda que queda tempo e mesmo unha vez aprobada a proposta final que saia do Comité de Empresa e logo de lla achegar a todo o persoal laboral do Concello, haberá un período de propostas e suxestións que, tal e como vos comentamos anteriormente, culminará nunha asemblea convocada polo Comité para o todo o persoal laboral onde se explicará a proposta que se presentará ante do Concello para as negociacións.


Ademais, esta semana, en concreto o mércores 3 todo o Comité de Empresa está chamado a unha reunión co concelleiro de Persoal e mais co novo interventor, da que vos manteremos informados.


Tamén, e logo da solicitude rexistrada por parte do Comité de Empresa dunha reunión co concelleiro de Persoal para o informar da situación de traballadores e traballadoras de distintos servizos municipais, finalmente a representación do Comité foi convocada polo Concello para o vindeiro venres 5 de agosto.


Lembrade, ademais, que se tedes algunha consulta sobre calquera tema laboral podedes achegarvos a calquera dos delegados e delegadas da CIG ou porvos en contacto connosco no enderezo electrónico cigconcellobetanzos@gmail.com.

28/07/11

Lei do Estatuto dos Traballadores

Lei do Estatuto dos/as Traballadores/as

Repasando a lexislación...



Cómpre lembrar un artigo que é moi atinado para desmontar as mentiras sobre a situación de suposta desigualdade dalgúns traballadores e traballadoras deste Concello que son persoal non permanente e aos cales se lles negan dereitos tales como o recoñecemento da antigüidade, e conseguinte non pagamento dos trienios, o pagamento da contía incremento das pagas extras, o acceso ás axudas sociais ou mesmo o dereito aos días de asuntos propios.
A Lei do Estatuto dos Traballadores indica no seu artigo 15.6 o seguinte:


"Os traballadores con contratos temporais e de duración determinada terán os mesmos dereitos que os traballadores con contratos de duración indefinida, sen prexuízo das particularidades específicas de cada unha das modalidades contractuais en materia de extinción do contrato e daquelas expresamente previstas na Lei en relación cos contratos formativos. Cando corresponda en atención á súa natureza, tales dereitos serán recoñecidos nas disposicións legais e regulamentarias e nos convenios colectivos de xeito proporcional, en función do tempo traballado.

Cando un determinado dereito ou condición de traballo estea atribuído nas disposicións legais ou regulamentarias e nos convenios colectivos en función dunha previa antigüidade do traballador, esta deberá computarse segundo os mesmos criterios para todos os traballadores, calquera que sexa a súa modalidade de contratación."


Ben sabemos que hai tempo que o Convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos está á marxe da legalidade vixente e precisa dunha renovación na que xa estamos a traballar dende a CIG do Concello de Betanzos, o artigo 1, pois, do noso convenio, contradi a última versión da Lei do Estatuto dos Traballadores que sempre estaría por riba do convenio ao se tratar dunha norma de rango superior e, aínda por riba, máis recente.


Podes consultar a Lei do Estatuto dos Traballadores aquí.


Podes consultar o Convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos aquí.

22/07/11

Máis de 20 días despois a prensa faise eco da solicitude da CIG de paralización da praza de auxiliar administrativo

A finais do mes pasado dende a CIG do Concello de Betanzos denunciabamos que o Concello convocara unha praza de persoal laboral sen ter ao tanto ao Comité de Empresa, cunhas bases incompletas, que non se axustaban á legalidade e sen a preceptiva publicidade, e por este motivo solicitaramos a súa paralización.


Logo de que o Concello amosou a súa vontade de non contar co Comité de Empresa para renegociar as bases da convocatoria e ignorou, pois, a petición do sindicato elixido maioritamente polo persoal laboral do Concello de Betanzos, o proceso non foi paralizado.


Onte, día 19 de xullo, publicouse na páxina web do Concello unha Resolución da Alcaldía coa listaxe de persoas admitidas ao Concurso, a composición do Tribunal e a data da valoración do Concurso. Máis unha vez, o Concello, ignorou o que as propias bases indicaban e non incluíu no tribunal cualificador un membro designado polo Comité de Empresa tal e como prescribían as bases e como se veu facendo nos últimos anos neste Concello.



Dende a CIG valoramos negativamente esta actitude belixerante totalmente innecesaria por parte do Concello, cando a nosa proposta simplemente era actualizar unhas bases para a provisión de postos totalmente obsoletas e á marxe da legalidade actual en materia de provisión de postos de traballo na Administración publica, e que os representantes legais do persoal laboral do Concello de Betanzos, fosen partícipes das materias obxecto de negociación entre Administración e Comité, tal e como recolle o Estatuto Básico do Empregado Público.



Hoxe mesmo, máis de vinte días despois e de que o Concello seguise co proceso selectivo ignorando por completo a solicitude de paralización da CIG e mais á representación elixida polos traballadores e traballadoras do persoal laboral do Concello de Betanzos, o tema aparece na prensa da man dun partido da oposición que solicitou a paralización do proceso polos mesmos motivos que xa hai varias semanas denunciaramos nós. Resulta curioso que, a pesar de que estaba previsto que hoxe mesmo se publicasen na páxina web do Concello os resultados do proceso selectivo sigamos á súa espera e nin sequera apareza ningún tipo de anuncio.



É unha mágoa pensar que o Concello ignorase as reclamacións do sindicato maioritario no Comité de Empresa, nin sequera dialogase co propio Comité de Empresa elixido democraticamente polo persoal laboral, e agora pareza que todo ficou parado porque se interesan algúns dos partidos da oposición polo tema. Resulta sintomático da situación, pois, que as reclamacións dos representantes dos traballadores non teñan repercusión e sexan desoídas polo propio goberno.



Nos vindeiros días dende a CIG do Concello de Betanzos tomaremos as decisións pertinentes para afrontar esta falta de vontade e de diálogo por parte do Concello mais lamentamos, sen dúbida, que aquela cordial primeira reunión coa representación política onde se nos solicitou que traballásemos sempre tendo como marco a lexislación laboral actual se truncase ata o punto de que o Concello, un mes despois, non foi quen de cumprir a súa parte e nós simplemente solicitamos o cumprimento dese marco.




Botando a andar



O pasado xoves tivo lugar a primeira reunión de traballo do Comité de Empresa do Concello de Betanzos, tal e como vistes na orde do día, o punto máis relevante que se tratou foi os eixes de traballo deste Comité de Empresa para os vindeiros meses.

A proposta da CIG de comezar a traballar no novo convenio saíu para diante coa maioría e xa ficou marcada unha nova reunión do Comité de Empresa para o vindeiro 5 de agosto onde se achegarán as primeiras propostas para o novo texto. Igualmente, acordouse que este marco normativo de que se dotará o persoal laboral do Concello é preciso que saíse do Comité co maior consenso posible para así redundar en beneficio dos traballadores e traballadoras desta Administración local.

Marcáronse os prazos, pois, tendo en conta o que o convenio vixente recolle no seu artigo 2.º, e concluíuse que, unha vez que non temos os datos suficientes para coñecer o estado das negociacións dun novo convenio por parte do anterior Comité, procederemos á súa denuncia a finais do mes de setembro e antes de finais de outubro terán que convocar a Mesa de Negociación, tal e como indica o artigo 2.2. "o convenio considerarase denunciado cando así se faga con tres meses de antelación á finalización da súa vixencia ou de calquera prórroga, a fin de iniciar as negociacións dun novo acordo antes dun mes contado a partir da data de denuncia".

A idea, logo, é pórmonos a traballar xa na proposta de novo convenio da CIG para logo achegala ao Comité de Empresa, unha vez acordado o texto no Comité, achegaráselle unha copia desa proposta a todos os traballadores e traballadoras do Concello para que fagan as súas propostas e suxestións nunha asemblea de traballadores convocada polo Comité de Empresa exclusivamente con esa finalidade entre os meses de setembro e outubro. Esa proposta final presentaráselle ao Concello nas Mesas de Negociación e a partir de aí comezará o proceso para conseguir dotármonos dun marco normativo axeitado ao persoal laboral do Concello de Betanzos e adecuado ao marco lexislativo actual do persoal ao servizo das administracións públicas.

Para alén disto, no Comité acordouse solicitar unha entrevista do concelleiro delegado de Persoal onde lle expor algún dos problemas máis urxentes de certos sectores de persoal e poñer en coñecemento do novo goberno algunhas situacións irregulares que están a padecer compañeiros e compañeiras do persoal laboral. Acordouse tamén achegarse aos distintos departamentos para seguir coñecendo polo miúdo a situación do persoal laboral de distintos sectores e instouse aos delegados e delegadas do Comité a que solicitasen información que puidese resultar útil para este próximo mais tamén para vindeiros encontros que se solicitarán co delegado de Persoal do Concello.

05/07/11

Reunión do Comité de Empresa

O próximo xoves 7 de xullo haberá reunión do Comité de Empresa ás 12:30 no Centro de Formación Ocupacional. A orde do día desta reunión ordinaria do Comité é a seguinte:

1.Aprobación, se proceder, da acta da sesión anterior
2. Información sobre o tema da impugnación de CCOO
3.Valoración do Comité da reunión co alcalde e o delegado de persoal
4. Información sobre o estado das solicitudes rexistradas no Concello
5. Información sobre a solicitude de paralización da convocatoria da praza de auxiliar administrativo pola CIG
6. Eixes de traballo para os vindeiros meses
7. Quenda de intervencións