26/08/11

A CIG considera nefastas as medidas laborais que o goberno pretende aprobar no Consello de Ministros




Suso Seixo asegura que só beneficiarán ás empresas, a custo de agravar as condicións laborais e salariais das traballadoras/es e de incrementar a precariedade.


A CIG cualifica como “altamente negativas” as medidas que pretende aprobar o Executivo no Consello de Ministros do próximo venres. Medidas que o secretario xeral, Suso Seixo, considera que van na liña do xa aprobado na reforma laboral, que pretenden unicamente “facilitar o despedimento, proporcionar ás empresas man de obra barata” e que denotan a “intencionalidade e a ideoloxía neoliberal do goberno”.


Segundo o anunciado por diferentes medios de comunicación, o goberno pretende eliminar a obrigatoriedade de converter en fixos aos traballadores con varios contratos temporais durante 24 meses, nun período de 30, e prolongar até os 30 anos os contratos en formación. Medidas que, para Seixo, lonxe de fomentar a creación de emprego e de calidade, favorecerán unicamente o “incremento da marxe de beneficios empresariais a custo de clase traballadora”.



Para Seixo non é casual o feito de que se fomenten precisamente o tipo de modalidades de contratación onde se produce unha enorme fraude como é o caso da contratación a tempo parcial e nos contratos en formación. “Fraude que se dá ao non existir control algún sobre o tipo de xornada que se fai, permitindo os abusos da patronal ao facer os traballadores/as moitas máis horas de traballo efectivo do que realmente figura no seu contrato, que non son remuneradas nin se cotiza por elas nin á Seguridade Social nin a Facenda”, afirma.


O secretario xeral da CIG denuncia que fronte a isto, unha vez máis “evítase adoptar medidas contra o capital financeiro, verdadeiro responsábel da crise económica”, o que evidencia a actitude do PSOE de “venda total aos intereses da banca e das grandes empresas multinacionais”. Por iso, cualifica de “covarde” á socialdemocracia española e europea por pregarse ás exixencias da oligarquía financeira e aos ditados da dereita alemá e francesa.


Alén diso, cuestiona a aprobación, cada pouco tempo, por parte do goberno español de novas medidas, algunha delas corrixindo as aprobadas en meses anteriores, o que “demostra a improvisación, a falla dun programa real fronte a crise, e a submisión aos ditados financeiros.”

22/08/11

A CIG rexeita a proposta de moderación salarial presentada por CCOO e UGT ao presidente do Goberno

En www.galizacig.com



A CIG manifesta o seu total rexeitamento á proposta presentada polos secretarios de CCOO e UGT, en carta dirixida ao Presidente do Goberno español, referida a aceptar un novo acordo de moderación salarial para vindeiros anos, ampliando o período de tres anos que xa contemplaba o Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva aínda vixente. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, considera que con este tipo de propostas “dá a impresión que quen lles está pagando é a CEOE, en vez dos seus afiliados e afiliadas”.


Seixo sinala que esta proposta segue na liña iniciada en 2002, cando se asinou un Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva, onde xa se contemplaba a moderación salarial. Acordo que tivo como consecuencia “unha perda importante de poder adquisitivo dos salarios e unha diminución do seu peso no PIB, mentres se incrementaban as rendas do capital e os beneficios empresariais”.


O secretario xeral da CIG afirma que a moderación salarial non vai favorecer a saída da crise económica, a reverter no tecido produtivo, nin a promover a creación de emprego. “Os acordos de moderación salarial favoreceron o incremento de beneficios empresariais que foron destinados a especular nos mercados financeiros e provocaron a perda de capacidade de consumo dos traballadores/as que se viron abocados a endebedarse para poder acceder a bens e servizos”.


Por iso asegura que “intentar convencernos de que iso é a cambio de que os empresarios renuncien a obter unha certa marxe de beneficios ou que parte deses beneficios sexan investidos en crear emprego é unha total e absoluta falacia” e engade que “é difícil entender que ese tipo de propostas proveñan de dúas organizacións sindicais que parece que se poñen máis do lado do capital que da clase traballadora”.


Seixo entende que a proposta de CCOO e UGT non deixa de ser un reflexo máis da súa concepción do pacto social, que na práctica se concreta en “avalar as políticas neoliberais do goberno e do capital financeiro”, por máis que veñan “adornadas con outro tipo de propostas en materia de política fiscal e de política de vivenda”.


Lembra que no actual acordo, que ten vixencia até o ano 2012, xa se fixaban uns topes de incrementos salariais do 1% para 2010; de entre o 1 e o 2% para 2011 e entre o 1,5 e o 2,5% para 2012. “O ano 2010 pechou cun incremento do IPC do 3%, o que significa que os salarios xa terían perdido 2 puntos no seu poder adquisitivo ao final dese ano e pola dinámica que se segue este ano no que teñen topado os incrementos salariais entre 1 e 2% vai supor unha nova perda dese poder adquisitivo”.


A iso engade que CCOO e UGT dan un “espectáculo penoso”, ao acompañar esta proposta dunha serie de queixas polo atraso na sinatura dos convenios, o que “denota a súa grande debilidade, porque son incapaces de facer cumprir o que pactan coa patronal, que incumpre estes acordos cando lle dá a gana”.


Fronte a isto, subliña que a CIG defende ir “pola vía contraria: fomentar políticas de rendas que favorezan o incremento dos salarios dos traballadores/as para facilitar o consumo e a recuperación da actividade económica xunto cunhas políticas fiscais que graven o capital, a banca, ás grandes fortunas e ás rendas máis altas para favorecer o incremento dos ingresos do Estado e que este teña capacidade para facer investimento produtivo, gasto social e creación de emprego”.


11/08/11

O Concello exclúe o Comité de Empresa unha vez máis

O Concello publica hoxe na súa páxina web o resultado da valoración da praza de auxiliar administrativo, máis unha vez ignora, a pesar de poñelo nas súas bases, á representación do Comité de Empresa, déixao a un lado, non lle fai caso á solicitude de paralización do proceso da CIG e continúa coma se nada logo de que o pleno aprobase POR UNANIMIDADE que había que reformular as bases xerais de contratación e ter en conta á representación dos traballadores e traballadoras, tal e como marca a lei, para as contratacións do persoal laboral.


Hai uns días, tamén publicaba o resultado doutras prazas dun programa de cooperación. O Comité de Empresa xamais foi convocado para esta valoración e única información "oficial" que tivo foi no momento en que todo estaba baremado e se publicou na web municipal. Estamos, pois, ante un goberno que desoe a representación do persoal laboral máis ca nunca, porque como xa dixeramos en anteriores ocasións sempre se contara coa representación sindical nos procesos selectivos.


Lamentamos fondamente esta actitude e as incoherencias entre o que se nos di nas reunións coa representación do Concello e os feitos que amosan un total desprezo polo Comité. Con respecto a isto, na semana pasada a representación do Comité tivo a primeira reunión co concelleiro de persoal onde se lle expuxo unha panorámica de todos os problemas do persoal laboral, e, entre eles pedimos explicacións sobre este desprezo ao Comité nos procesos selectivos, comentámoslle os casos que se deron nos últimos tempos e estamos á espera das explicacións pertinentes deste e doutros moitos problemas de inxustizas que hai anos veñen padecendo algúns compañeiros e compañeiras do persoal laboral deste Concello.

NOTA INFORMATIVA



Logo dos últimos encontros cos representantes e o persoal técnico do Concello de Betanzos dende a CIG do Concello de Betanzos queremos lembrarvos a todos os traballadores e traballadoras desta Administración a necesidade de que fagades todas as solicitudes de vacacións, días de asuntos propios, licenzas ou permisos, axudas de custo ou compensación de horas extraordinarias e calquera tipo de instancia por escrito e que estas queden rexistradas. Non podemos obviar que traballamos nunha Administración pública cuns procedementos administrativos coñecidos publicamente e que nos serven para poder exercer os nosos dereitos efectivamente.

Dende o propio Concello xa nos informaron de que se está a traballar nun protocolo para a solicitude de compensación das horas extras, para todos e todas coñecermos o procedemento correcto e non incorrer en erros, e tamén suxerimos que isto se faga para calquera tipo de trámite entre o persoal e a propia Administración. Entre tanto, lembrade que o que non está rexistrado é coma se non se solicitase para os efectos do procedemento administrativo e, por tanto, se nalgún momento fose preciso facer unha reclamación habería máis complicacións. Así mesmo nolo lembraron dende o propio Concello cando lle comentamos na última reunión os distintos problemas de aplicación do convenio desigual entre o persoal laboral dos distintos sectores desta Administración.

Podes solicitar máis información da CIG do Concello de Betanzos en cigconcellobetanzos@gmail.com ou no noso blogue www.cigconcellobetanzos.blogspot.com.

03/08/11

Este venres, día 5, haberá reunión ordinaria do Comité de Empresa

Convocatoria ordinaria de reunión do Comité de Empresa


Día: 5 de agosto de 2011
Hora: 12:00 h
Lugar: Centro de Formación Ocupacional


ORDE DO DÍA


1. Aprobación, se proceder, da acta da sesión anterior
2. Aprobación, se proceder, da acta da sesión do 13 de xuño
3. Achegamento das propostas para o novo convenio do persoal laboral do Concello de Betanzos
4. Fixación da próxima reunión do Comité de debate das propostas para o novo convenio e do calendario
5. Información sobre a paralización da praza de auxiliar administrativo
6. Información sobre o estado das solicitudes rexistradas no Concello
7. Información sobre a reunión co concelleiro de persoal
8. Quenda de intervencións

Valoración da reunión de hoxe

Hoxe, 3 de agosto, todo o Comité estaba chamado a unha reunión co interventor e co delegado de persoal para nos pór ao tanto da situación económica do Concello e como isto nos afectaría ás demandas do persoal. En xeral, cómpre sinalar que foi unha reunión moi útil por toda a información que se nos facilitou, pola explicacións canto a temas que nos atinxen e posibles solucións por parte da Interveción municipal e a boa predisposición para intentar solucionar a longo prazo algúns dos problemas máis graves do persoal laboral.


Na reunión púxose en claro que temos que traballar para lle trasladar á Intervención as deficiencias que detectamos na situación laboral do persoal, aínda que, pola nosa parte, tamén deixamos claro que o comentabamos era en base ao que nos dicía o persoal porque xa hai máis dun mes e medio que o Concello non nos facilita diversa documentación solicitada. Esta falta de documentación implica que non poidamos facer unha valoración final da situación e consecuentemente trasladarlle as nosas demandas, que serán trasladadas unha vez que o Concello amose boa vontade para facilitar información que por lei ten que ter o Comité de Empresa.


Se unha cousa tiramos en claro todos e todas é que aquí hai moitas cousas que cambiar para que isto repercuta nunha mellora da situación laboral e, como non, consecuentemente, nun mellor funcionamento do Concello. Polo momento, tal e como se nos indicou, haberá modificacións na compensación das horas extra para adaptármonos ao que marca o noso convenio e as leis de superior rango. Haberá pois, que solicitar a compensación das horas extra en horas libres e se o servizo non permite tal dispoñibilidade será cando sexan cobradas, mais unha vez que isto sexa informado polo concelleiro ou concelleira correspondente. Para este trámite facilitaránsenos uns modelos de documentos, tal e como se nos indicou dende o Concello.


Coidamos, logo, que se inicia un novo período onde todo o persoal ten que ter claro que o descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento, tal e como hoxe nos lembraron dende o Concello, e que hai uns procedementos administrativos que cómpre que sexan empregados con asiduidade para así poder facer valer tamén os nosos dereitos efectivamente. Así o recolle o noso propio convenio, a proposta de novo convenio da CIG e así tamén, considera o Concello que se debe facer, porque hoxe mesmo falouse da creación dun protocolo que se daría a coñecer ao persoal, boa iniciativa sen dúbida para termos claros os procedementos oportunos e aforrar problemas á hora de solicitar facer efectivos os nosos dereitos como traballadores dunha Administración pública.


Ademais de todo isto, falouse da elaboración dunha nova e mellorada Relación de Postos de Traballo, onde realmente haxa unha valoración dos postos de traballo e da remuneración correspondente en función da especificidade de cada un deles e que esta xa debemos a comezar a traballar nela porque este tamén será un dos traballos a longo prazo e no que os representantes do persoal teremos que traballar arreo para plasmar nesa nova RPT moitas das demandas históricas de recoñecemento de funcións do persoal laboral.





02/08/11

Algo máis de dous meses

E xa van algo máis de dous meses dende que abrimos este espazo e comezamos a andaina no Concello de Betanzos, con 1400 visitas no noso blogue amosástenos a necesidade de difusión de información que tanto se precisaba entre os traballadores e traballadoras do Concello e coas múltiplas subscricións ao noso voceiro en liña demostrades o interese por recibir as nosas novas puntualmente.


Hai pouco máis dun mes a CIG gañou as eleccións sindicais do persoal laboral do Concello e dende ese momento cada un dos nosos delegados e delegadas traballan arreo por mellorar a situación do persoal desta Administración local. A chegada da CIG a este Concello abriu un novo panorama entre o persoal laboral, non só porque nunca antes ningún sindicato dos que tiñan representación abrira un espazo público na rede, senón tamén, porque por primeira vez se editou un voceiro, o noso "abrindo camiños", do que xa van cinco números e nos próximos días sairá un sexto.


Boa proba de que o noso traballo está a dar os primeiros froitos, é que, por vez primeira, e grazas á iniciativa previa da CIG, paralizouse un proceso de selección de persoal que non cumpría os requisitos que se exixen hoxe en día para o acesso á función pública. O propio Pleno deunos a razón ao acordar modificar as bases xerais dos procesos selectivos do Concello, e iso si que supuxo toda unha revolución no panorama da representación sindical do Concello porque nunca antes se denunciaran publicamente por parte dos representantes dos traballadores este tipo de irregularidades, ou, cando menos, se así foi, non tiveran as consecuencias pertinentes.


Dende a CIG do Concello de Betanzos non entendiamos nin entendemos cómo se pretende contratar persoal cando se lle negan dereitos básicos recollidos no Estatuto Básico do Empregado Público, como o recoñecemento dos trienios ou o acesso a axudas sociais, a persoas que levan anos e anos traballando nesta Administración. Entendemos, pois, que esta Administración ten pendentes demasiadas situacións alleas á normalidade para unha Administración Pública como para permitirse o luxo de seguir contratando persoal con bases totalmente incompletas e de dubidosa legalidade para logo poder xogar ao seu antollo cos dereitos dos traballadores e a súa situación contractual.


O Concello, pola súa parte, responde á nosas demandas excluíndo o Comité de Empresa dos procesos selectivos cando polo que nos comentaron anteriores representantes sindicais, sempre, todos os gobernos anteriores contaran cun representante proposto polo Comité para os tribunais dos procesos selectivos, tal e como recollían as bases das convocatorias e mais como indica o artigo 30 do Real Decreto 364/1995. Ademais de non facilitarlle ao Comité documentación ou, cando menos, de demorar ao máximo a súa entrega, tendo en conta que hai solicitudes sen responder dende o propio día da constitución do Comite de Empresa, o 13 de xuño.


Aínda así, a nosa avaliación deste curto período inicial é positiva, non só polos folgos que compañeiros e compañeiras nos transmiten a diario, senón porque simplemente pedimos o que é xusto e o que segundo a lei lle corresponde aos traballadores públicos, por iso seguiremos defendendo a igualdade de trato, condicións e dereitos para todos os traballadores e traballadoras do Concello de Betanzos en todas e cada unha das nosas reivindicacións.

Coma sempre, moitas grazas polo voso apoio.