A central reitera que é o modelo capitalista o que está en crise e reclama a aplicación de políticas alternativas que permitan encetar un novo modelo económico e social.A CIG presentou a campaña “Si, existen alternativas! En defensa do emprego e dos servizos públicos” que rematará neste primeira fase cunha manifestación nacional o vindeiro 23 de outubro en Compostela. Con esta campaña á central sindical pretende enfrontar a falsa idea de que a única saída á crise pasa polos recortes sociais e laborais, pondo en valor que hai outras políticas posíbeis, mais que requiren rachar co modelo capitalista neoliberal.
Aínda que a campaña nace coa idea de ter continuidade no tempo, a primeira etapa rematará o vindeiro domingo 23 de outubro cunha manifestación nacional en Compostela aberta á participación de toda a cidadanía. A marcha, que sairá da Alameda ás 12:30 horas, estará precedida de asembleas de delegados e delegadas da CIG en todas as comarcas, celebrándose a primeira delas este mesmo mércores na Coruña. “Dende a CIG queremos desmontar as falsidades utilizadas para aplicar as políticas de recortes e propor á cidadanía que existen alternativas, pero hainas que enmarcar dentro dun modelo económico e social distinto ao capitalista neoliberal”, resumía Suso Seixo ao inicio da rolda.
Alternativas aos recortes
Dende o inicio da crise económica, a CIG veu alertando que as medidas sociais e laborais adoptadas non ían axudar á saír da situación de recesión e facilitar a creación de emprego, senón que o seu efecto sería contrario, posto que non inciden nas verdadeiras causas da crise. Unha crise financeira na súa orixe e vinculada a unha economía especulativa argallada á marxe da economía real e na que apenas ten peso o sector produtivo.
Neste senso, Seixo criticou que dende o estoupido da crise os estados teñan inxectando enormes recursos públicos á banca, primeiro con achegas directas para a súa recapitalización, e agora permitindo a especulación coa débeda pública, que ten deixado ao borde da quebra a moitos estados. “Os problemas coa débeda pública remataríanse cunha medida tan sinxela como que o Banco Central Europeo comprase á débeda aos estados”, sinalou Seixo, quen criticou que os gobernos europeos e o BCE eviten enfrontar unha decisión deste calado.
O Secretario Xeral da CIG puntualizou que os problemas económicos que poida ter a banca son coa débeda privada e non coa pública. No caso do estado español, a débeda pública representa o 65% do PIB mentres que a privada representa o 217% do PIB. “Se os recursos que se destinan á recapitalizar á banca privada se destinasen á crear unha Banca Pública hoxe as medianas e pequenas empresas, así como as familias, terían a posibilidade de acceder ao crédito e estaríamos nunha situación económica e en materia de emprego totalmente distinta”, aseverou.
Encetando con esta problemática, Seixo cuestionou as medidas aplicadas polos gobernos para reducir o déficit público, medidas todas elas baseadas en recortes do gasto público e a conseguinte perda de calidade dos servizos e do emprego. Pola contra, a CIG propón atallar esta cuestión pola vía contraria: equilibrar os orzamentos incrementando os ingresos.
“Isto supón falar dun cambio na política fiscal, incrementar os impostos á banca, ás rendas máis altas e ás grandes fortunas, recuperar o imposto de patrimonio e sucesións, rematar coa fraude fiscal e cos paraísos fiscais, etc.. Segundo os datos dos inspectores de Facenda, a fraude fiscal no Estado español sitúase nos 66.000 millóns de euros, fraude que nun 71% está cometida pola banca e as grandes empresas”, puntualizou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario