O sábado o Concello publicaba na prensa un anuncio para darlle publicidade á convocatoria para a cobertura dunha praza de profesor/a de guitarra. Esta mesma convocatoria foi publicada na páxina web do Concello e pode ser consultada aquí. O prazo de presentación das solicitudes remata o vindeiro día 30 de outubro.
Máis unha vez o Concello non conta co Comité de Empresa para a convocatoria dunha praza e segue o seu camiño de costas á representación dos traballadores, a pesar das continuas promesas fallidas que nos leva facendo nos últimos meses. Lamentamos, sen dúbida, esta actitude por parte do goberno municipal, e nos vindeiros días dende a sección sindical da CIG do Concello de Betanzos decidiremos os pasos que haberá que seguir, logo de que os feitos por parte do Concello cada vez se correspondan menos coas promesas que lle levan feito durante meses á representación dos traballadores.
A representación do persoal non só non é informada, dende que este novo Comité se constituíu, das previsións na provisión de postos de traballo, senón que simplemente sabe de moitas contratacións unha vez que lle son achegadas as copias dos contratos, mais en ningún caso con anterioridade a esas contratacións. Esta falta de información provoca a disconformidade por parte da representación do Comité unha vez que lle son entregados contratos dos que se descoñece o proceso selectivo e mesmo nin se facilita información cando esta se require puntualmente, ademais de que nalgúns casos mesmo reflicten unhas retribucións que non se corresponden cos conceptos retributivos recollidos no convenio e sobre o que tampouco se facilita ningunha información.
Esta opacidade do Concello á hora de facilitar información demostra o pouco interese en que se coñeza o estado real do problema laboral neste Concello e de que se saiba polo miúdo o que o Concello fai ou deixa de facer en materia de contratación laboral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario