A Confederación Intersindical Galega (CIG), a central sindical maioritaria no comité de empresa do Concello de Betanzos acusou ao alcalde Ramón García de atentar contra a liberdade sindical. A presidenta do comité de empresa, Silvia Muíño (CIG), explicou nun comunicado que “dende a constitución do Comité de Empresa actual o Concello fixo caso omiso ás numerosas peticións de documentación realizadas pola presidenta do citado Comité”.
A sindicalista abunda en que “estas solicitudes que van dende o valor das horas extras, a táboa de salarios, relación de postos de traballo de carácter non permanente e un longo etcétera até as listaxes de substitución en vigor, son totalmente imprescindibles para que o Comité de Empresa poida efectuar a súa labor cun mínimo de garantía e seriedade”.
“A este feito habería que sumarlle a exclusión de parte do persoal laboral do convenio colectivo por decisión unilateral do Goberno municipal”, engade a sindicalista nacionalista nun extremo que o BNG tamén levou ao Pleno.
Desde a central nacionalista aseguran que “a última gota que colmou o vaso foi unha resolución da Alcaldía na que se recortan os dereitos dos delegados recollidos na lexislación vixente e se pretende fiscalizar e mediatizar o uso do crédito de horas sindicais tratando de introducir ademais a obrigación de facer pública a actividade sindical”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario