Parece ser que coa nómina do mes de decembro e a paga extra pagáronse as axudas sociais do ano 2010. O caso é que unha vez máis o Concello volve sobre vellas fórmulas que esquecen os procementos aprobados polo propio pleno e nin informa aos representantes dos seus traballadores, nin aos propios traballadores, nin publica as listaxes nin ofrece un prazo de reclamacións. É dicir, incumpre todo o acordado na reunión a que foi chamado o propio Comité con motivo das axudas sociais e mais o acordado nas bases das axudas sociais aprobadas polo pleno.
Dende a CIG do Concello de Betanzos queremos denunciar publicamente o escurantismo nos procementos administrativos do Concello que lle afectan ao persoal e o total desprezo pola representación dos traballadores que demostra o Concello, ao que se lle preguntou en múltiples ocasións polo tema e sobre o que nunca se obtivo resposta cando a decisión acaban de demostrar que xa estaba tomada.
Non entendemos a que se debe esta actitude cando simplemente o Comité de Empresa pide información sobre procedementos que segundo o convenio aprobado hai xa seis anos polo propio Concello lle competen. O Comité de Empresa entrégalle ao Concello todo o que este solicita, mesmo certificacións dos acordos do Comité, mais o Concello non é quen de informar nin sequera verbalmente á representación do persoal das decisións que toma e que lle afectan aos traballadores.
Nos vindeiros días dende a CIG do Concello de Betanzos decidiremos os pasos que debemos seguir con respecto a esta e outras situacións que se veñen dando nos últimos meses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario