Hoxe mesmo, a CIG solicitou por rexistro que se publiquen as listaxes das axudas sociais concedidas ata o momento da partida orzamentaria do ano 2010 en cumprimento das bases aprobadas polo Pleno e do compromiso do propio goberno na reunión a que o Comité de Empresa e os delegados do funcionariado foron convocados.
A Xunta de Goberno Local acordou “aprobar ou denegar as axudas sociais correspondente aos funcionarios segundo a proposta presentada, por un importe total de 10.931,55 euros, debéndose incluír os aboamentos nas nóminas do mes de novembro”, ademais temos constancia de que ao funcionariado se lle pagaron as axudas tal e como se nos informou a través dun comunicado de decisión da Xunta de Goberno Local con data de rexistro de saída do 29 de novembro.
Mais lembrámoslle que o acordo de axudas sociais aprobado polo pleno da Concello de Betanzos do 23 de marzo do ano 2001, indica o seguinte no punto 4: “As condicións, prazos de solicitude, listas provisionais e definitivas, deberán expoñerse en todos os departamentos, unidades e servizos co fin de darlle a maior difusión entre o funcionariado”.
A todo isto hai que engadirlle que na reunión a que o Comité de Empresa foi convocado o día 4 de outubro con motivo da proposta de concesión das axudas sociais, o Concello comprometeuse a cumprir as bases no que respecta a procedemento, a publicar unhas listaxes provisionais e abrir un prazo de achega da documentación que faltase, notificarlles ás persoas interesadas o prazo de emenda de erros e publicar posteriormente as listaxes definitivas en todos os taboleiros dos distintos departamentos mais finalmente o funcionariado cobrou as axudas sociais e nin antes foron publicadas as listaxes provisionais nin na nactualidade están publicadas as definitivas.
Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos non entendemos a que se debe tanto escurantismo con respecto á concesión das axudas sociais, e aínda que somos conscientes de que o Concello deu pasos adiante ao achegar a información dunha nova convocatoria aos distintos departamentos, logo de que a representación da CIG llo solicitase na primeira e única reunión a que o Concello nos convocou con respecto ao tema das axudas sociais, vímonos na obriga de solicitar por rexistro que o Concello cumpra os procedementos administrativos aprobados polo propio pleno hai dez anos e preguntámonos como é posible que unha Administración local non sexa quen de levar a cabo o que ela mesma aprobou hai unha década e publicar información básica e de interese para os traballadores nun acto de transparencia que, de non ter nada que ocultar, simplemente beneficiaría ao Concello e ao propio persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario