Segundo unha resolución da Alcaldía do día 22 de novembro todos os empregados municipais teñen dereito a dous días de asuntos propios máis, o concelleiro de Persoal uns días despois indicoulle á representación do Comité que o Concello entende que estes dous días a maiores son só para o persoal que está na RPT.
Ou sexa, os compañeiros que xa están discriminados porque o Concello lles nega o dereito o días de asuntos propios, agora aínda o están máis porque o que a Alcaldía resolve a maiores do convenio entende que é para quen ten o dereito segundo eles. Basicamente neste Concello hai empregados que o son para que lles baixen o soldo ou para remendar un roto ou descosido, mais logo non o son para cobrar as axudas sociais (agora depende do ano da solicitude), os trienios ou ter dereito aos días que recolle o Estatuto Básico do Empregado Público.
É posible que agora que está en marcha unha demanda que fai mención a estas discriminacións o Concello recúe nas discriminacións e a pesar dos informes en contra do secretario municipal haberá quen os faga agora a favor e chegará o sindicato minoritario no Comité e que nunca fixo nada para levar os méritos.
Mais o que consideramos importante dende a CIG é que realmente logo da resolución da Alcaldía que recolle que non se pode discriminar ao persoal non permanente da convocatoria das axudas sociais deuse un paso moi importante porque desmontaron o criterio polo cal lle negaban os trienios e mais os días de asuntos propios ao persoal á marxe da RPT. Se teñen dereito a axudas sociais porqué non a cobrar a antigüidade? Ao final ao Concello non lle está quedando máis remedio que admitir os seus propios erros e eses son os primeiros froitos do traballo da CIG dentro do Comité de Empresa.
Lembrade que os días do ano 2011 pódense desfrutar ata o 15 de xaneiro de 2012, e que as solicitudes, como calquera trámite na Administración, cómpre facelas por escrito, logo de dez días dende o rexistro o silencio administrativo é positivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario