03/12/11

Seguimos avanzando a pesar dos múltiples atrancos do Goberno

Dende que a CIG obtivo a maioría dos votos nas anteriores eleccións sindicais vimos denunciando as constantes discriminacións a que moitos compañeiros e compañeiras son sometidos, en diversos escritos, reunións co Goberno e nos nosos voceiros fixemos públicas as discriminacións que unha parte do persoal deste Concello, o non permanente, leva padecendo anos e anos coa connivencia de UGT como forza maioritaria no anterior Comité de Empresa.


Por primeira vez saiu á palestra pública que o Concello discrimina ao persoal en función do seu contrato e tamén a finais de novembro o Concello deulle a razón ao que dende a CIG levamos meses a reclamar . Xa sabemos como son aquí as cousas e o Goberno municipal non sería quen de lle recoñecer os logros á CIG, de aí que achegue unha información a todos os departamentos do Concello onde admite que todo o persoal deste Concello ten iguais dereitos e non pode ser discriminado polo tipo de contrato con relación ás axudas sociais mais que iso o fai cunha previa solicitude da UGT.


Curioso é, cando menos, que logo de escritos tanto por parte da CIG como do propio Comité ao longo de xa case seis meses estes non sexan respondidos ou haxa continuas negativas a estas peticións mediante resolucións da Alcaldía, e a un delegado da UGT en só cinco días se lle responda afirmativamente ao que antes nós temos solicitado por activa e por pasiva sen ningunha solución.


Sen dúbida isto cadra coa abstención de dous delegados da UGT no acordo de demanda ao Concello, polo que vemos eles non necesitan denunciar porque teñen o que reclaman con só pedilo nun claro xesto de complicidade co Goberno municipal, e ademais, cómpre destacar de que cada vez a argumentación do Concello en materia de Persoal coincide máis coa predicada por algúns delegados da UGT, o que nos lembra tempos pasados en que o Comité estaba ao servizo do Concello no canto de para axudar ao persoal.


A pesar de todo isto e aínda que o Concello teime en menosprezar as solicitudes e demandas da representación legal do Comité de Empresa e do sindicato que democraticamente gañou as pasadas eleccións sindicais, dende a CIG seguiremos loitando porque remate o clientelismo e somos conscientes de que todas as melloras que hai neste Concello son grazas ao noso traballo e que ao Goberno ao final non lle quedou máis remedio que nos dar a razón, se o Comité non presionase ao Concello continuamente o Goberno seguiría sen se preocupar polo seu persoal e a situación laboral deste. Aínda así, o que nos parece vergoñento é que dende hai un tempo haxa compañeiros da UGT do Comité que parece que lle fan o xogo ao goberno municipal ao utilizar os mesmos argumentos, versións e solucións para os conflitos laborais que os propios xefes, nós, dende logo, entendemos que a representación dos traballadores sempre ten que estar do lado destes e non facerlle as beiras ao Concello por promesas incumpridas que os diversos gobernos levan anos facéndolle ao persoal laboral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario