07/03/12

FALTA ABSOLUTA DE DIÁLOGO POR PARTE DO CONCELLO

Hoxe, 7 de marzo, os representantes do persoal laboral e mais do persoal funcionario estabamos chamados a unha reunión co Concello de difícil calificación cun único punto da orde do día:

“Adopción de acordo relativo a criterios de reparto de cantidade consignada para as axudas sociais 2011”

O certo é que esta convocatoria chegou con expectación pola nosa parte porque hai uns cinco meses o Concello nos convocara a unha reunión semellante onde se tomaron unha serie de acordos que posteriormente nos comunicaron a través dunha resolución da Alcaldía que non valían para absolutamente nada porque, palabras textuais do informe da Secretaría no que se baseaba a resolución:

*esa “reunión de todos os representantes legais non ten fundamento ningún”

*eramos “un colectivo de difícil denominación que non ten base xurídica ningunha”

*subliñaba que “cabe destacar a súa total incompetencia”

*e que “as manifestacións do Comité de Empresa e ningún caso serán vinculantes para o órgano que conceda a axuda”

Logo de mil voltas e reviravoltas que o Concello lle quixo dar ao asunto amosou unha total incompetencia na xestión dun fondo de acción social que existe dende hai ben anos mais co que nunca houbo problemas ata hai uns meses. Non houbo problema ningún mentres a xestión e reparto era descoñecida e mesmo o importe das axudas eran descoñecido, aínda que xa nos vimos decatando de que neste Concello hai quen está interesado en que canto menos se saiban as cousas mellor.

Por parte da CIG e sen termos unha idea clara do que se nos ía propor hoxe, non entendiamos como logo de tirar por terra as nosas propostas, ignorar as nosas advertencias de que non se cumpría o procedemento das bases, e termos que aturar e que o propio concelleiro de Persoal mesmo insinuase que as axudas de 2010 non se pagaban por culpa do Comité cando quen ten os cartos e quen resolve é o Concello, hoxe chámannos porque seica hai máis solicitudes que cartos e hai que tomar un acordo.

A nosa postura foi clara e así llo explicamos ao propio concelleiro de Persoal, entendiamos que todo este proceso tiña claros indicios de irregularidades, e que nas bases das axudas aprobadas en pleno indica que a aplicación e distribución deses fondos os debe xestionar a Mesa Xeral de Negociación e que nos iamos abster na toma de decisións baseándonos en que:

  1. O propio Concello díxonos que non eramos quen de decidir hai uns meses.

  2. O Concello fixo caso omiso ás peticións do Comité e da CIG e resolveu o que lle veu en gana.

  3. Hai un claro incumprimento das bases e moitos buracos escuros en todo o procedemento e a CIG non se vai emporcallar coas irregularidades do Concello.

Logo da intervención da representación da CIG os compañeiros do CSIF indicaron que concordaban en que o procemento non fora o adecuado mais tiñan unha proposta distinta ao que se sumou UGT, explicáronse as distintas posturas e por parte da CIG incidiuse en que todo o proceso adoecía de irregularidades, e nese momento, o concelleiro de Persoal, levantouse da Mesa dicindo que o Concello xa faría o que lle petase, o que certamente tampouco supón unha novidade, posto que é o que leva facendo nos últimos meses.

Demostrou así o concelleiro de Persoal unha falta absoluta de diálogo coa representación do Persoal que, polo que parece, ou apoia as propostas do Concello ou nin ten a posibilidade de votar as distintas propostas que hai sobre a mesa, dista moitísimo esta actitude da que se proclamaba aos catro ventos nun xornal betanceiro e onde dicía que as portas estaban abertas para os traballadores, nós, cada vez, vemos que están máis pechadas e lamentamos fondamente esta actitude déspota que para nada amosan outros membros do Goberno presentes nalgunha reunión de negociación. Aínda así, nunca perdemos a esperanza de que o goberno recapacite e reconduza dunha vez por todas este conflito laboral cada vez máis latente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario