01/03/12

NÓMINAS

O Concello de Betanzos leva anos sendo impuntual no reparto das nóminas, é común que se acheguen varios meses xuntos ou mesmo ter que ir pedilas ao departamento correspondente no caso de que fagan falla para algún trámite. Moitos compañeiros e compañeiras teñen comentado que isto supón un problema en múltiples ocasións e nomeadamente en casos coma decembro e xullo cando chega a paga e non saben exactamente o salario ou cando se cobran as axudas sociais, posto que xa que o Concello teima en non publicar as listas da concesión e denegación das axudas a que se refiren as bases que el mesmo aprobou en pleno, isto supón que o Persoal non sabe ata meses despois que recibe a nómina os conceptos e as contías que lle concederon, co prexuízo de que no caso de que se queira facer unha reclamación económica é posible que estea fóra de tempo, tanto para o caso das axudas económicas como para calquera outra.

A pesar de todo isto parece que o Concello tenta modernizarse e adaptarse aos tempos e estes días achegouse unha comunicación a todos os departamentos onde indica que as nóminas, a partir de agora distribuiranse por correo electrónico. Isto é unha boa nova no caso de que, tal e como aconteceu hoxe, as nóminas se repartan así puntualmente e porque entendemos que a administración ten que se modernizar e buscar vías máis ecolóxicas de distribuír a información.

Segundo a Resolución da Alcaldía da que se lle dá traslado ao persoal, o persoal que dispoña de conta de correo electrónico oficial recibirá a partir deste mes de febreiro o recibo mensual de haberes a través dela, canto ao persoal que non dispón de conta de correo oficial terá dúas opcións, solicitar a creación dunha ao Departamento de Informática ou solicitar recibir a nómina a través dunha conta de correo electrónico particular cubrindo un modelo que o propio Concello facilita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario