Fai un chamamento
ás organizacións sindicais a facer a convocatoria de forma conxunta e
alerta que, “ou continuamos con esta resposta social ou non temos saída
ningunha”
A Executiva
Confederal da CIG acordou, na súa xuntanza do pasado venres, promover unha nova
convocatoria de folga xeral para a primeira quincena de xuño. Así o anunciou o secretario xeral, Suso
Seixo, esta mañá en rolda de prensa, considerando que estamos nun momento “determinante”
por mor das “inxustas políticas” que está impoñendo o Partido Popular, con
recortes en Educación, recortes en Saúde e a imposición dunha reforma laboral
que lonxe de promover a creación de emprego, busca precarizar as condicións
laborais e que, polo tanto, debe ser retirada.
O secretario xeral da CIG
explicou que ante a actitude que está mantendo o Partido Popular, de “absoluto
desprezo” ás demandas das miles e miles de persoas que participaron na folga
xeral e nas masivas mobilizacións convocadas o pasado 29 de marzo e ante os
graves recortes que está a pór en marcha o goberno e que afectan
fundamentalmente á Sanidade e o Ensino públicos, “as organizacións sindicais tiñamos
que estar convocando outra folga xeral”.
Por iso anunciou
que a CIG porase en contacto coas organizacións sindicais bascas e con CCOO e
UGT, fundamentalmente, para promover unha nova convocatoria para a primeira
quincena de xuño na que, explicou, “é fundamental que esteamos todos”, para
garantir un seguimento tan masivo ou maior ao que se deu o 29 de marzo.
Para o secretario xeral da CIG,
os sistemáticos incumprimento dos compromisos adquiridos polo PP durante a
campaña deberían levar a “cuestionar se o goberno pode continuar ou hai que
exixir a súa dimisión e a convocatoria de eleccións para elixir novos
representantes que gobernen en función dos intereses da poboación e non en
función dos intereses da banca”.
Primeiro de Maio
As primeiras
mobilizacións antes desa convocatoria son as do Primeiro de Maio, baixo os
lemas “Por emprego digno, non á reforma laboral do PP” e “En defensa do ensino
e da sanidade públicos”.
Co primeiro lema
maniféstase novamente o rexeitamento á reforma laboral, que non supón a creación
de emprego e que unicamente persegue unha redución dos salarios entre o 20 e o
25%, pola vía de “desregular, individualizar e precarizar as condicións de
traballo”. Neste sentido, o secretario
xeral da CIG afirmou que a reforma “non crea emprego, o que
fai é substituír, no mellor dos casos, emprego fixo por emprego precario”.
Respecto do segundo
lema, a central sindical pretende denunciar a política de recortes en servizos
públicos básicos e os ataques ao ensino e á sanidade públicos. “O incremento de
alumnos por aula -30 en infantil e 36 en secundaria-, vai empeorar a calidade
do ensino e destruír da orde de 2.000 postos de traballo, que se suman aos
2.500 xa destruídos desde 2009”,
dixo. “Fronte a isto, non se toca nos concertos educativos”, denunciou.
Canto á sanidade, denunciou
a medida de copago farmacéutico que vén de impor o PP, que “prexudica aos máis
desfavorecidos, sobre todo aos pensionistas, e ás persoas asalariadas”, afirmou,
“en lugar de buscar unha boa xestión dos recursos”.
Xunto a isto,
advertiu da “incógnita” respecto do que vai pasar cos servizos sanitarios básicos
e se se terminará pagando ou non pola atención sanitaria. Denunciou que o
estado español gasta un 6,5 % do PIB en saúde, por debaixo da media europea, e
afirmou que “debería de falarse de incrementar o gasto, no canto de falar de
recortes”.
Políticas erradas
Chamou a atención
sobre unhas políticas que ademais de considerar “inxustas” estanse a confirmar “incorrectas”
para recuperar a economía, saír da crise e crear emprego”.
Para demostralo,
lembrou que segundo datos do propio FMI, non vai ser posíbel cumprir as
previsións no recorte do déficit e que, polo tanto, non se albisca volver a
crecementos da economía por riba do 2% até o ano 2018, o que terá como
consecuencia que “non se vai crear emprego”. A isto engadiu que o FMI mesmo
alertou de que isto será así se non se cumpren as previsións de redución do déficit
público do goberno ao 3% a finais de 2013, porque de cumprirse, “os recortes
terían que ser tan brutais que atrasarían aínda máis alá do 2018 a recuperación económica
e, en consecuencia, a creación de emprego”.
Sinalou que a prima
de risco segue aumentando e reclamou a intervención do Banco Central Europeo
para frear a especulación coa débeda pública, que é a que está condicionando as
políticas de austeridade que están a aplicar os gobernos tanto estatal como
galego. Afirmou que, nestes momentos, a débeda pública é “o gran problema que
lastra a recuperación económica, ao recorrer os estados a políticas de recortes
do gasto para corrixilo”.
Fronte a iso,
apostou por oporse ao pagamento da débeda ilexítima, seguindo o exemplo de países
como Islandia, que non acataron as directrices económicas impostas ao conxunto
dos países da Unión e xa está medrando por riba do 2%. Unha medida á que se están
adherindo cada vez máis teóricos sociais e economistas.
Ante esta situación, sentenciou “ou continuamos con esta resposta
social, ou non temos saída ningunha”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario