16/04/12

Expediente X: a asignación do nivel do complemento de posto do persoal laboral

O complemento de posto, que forma parte das retribucións do persoal laboral, e que equivale ao complemento de destino do funcionariado, aparece no artigo 23.2 do Convenio colectivo, e con respecto a este indica o seguinte:
O complemento de posto retribue as condicions do posto de traballo en función da peligrosidade, penosidade, adicación, especialidade, etc., que require cada posto. Sua contía reflexaráse anualmente na RPT, iniciándose para este exercicio segun o anexo I, no que se establecen as 15 categorías que pode ter este complemento e a sua atribución a cada posto. Tal contía establécese en cómputo anual e será abonada en doce mensualidades, poidendo modificarse anualmente en proporción distinta a autorizada, en funcion da atribución individualizada o posto de traballo de maiores ou outras funcions”.

Dende a CIG e logo de observar a Relación de Postos de Traballo e o propio cadro de persoal publicado no BOP do ano 2008, decatámonos de certas irregularidades na asignación dos distintos niveis nas diferentes categorías profesionais que implican o cobro dunha contía económica ou outra mais que en ningún caso están xustificadas na escasa documentación que o Concello nos achegou ata o momento. Por iso decidimos rexistrar a través do Comité de Empresa o pasado 26 de marzo unha solicitude da documentación correspondente que informe do motivo da adscrición dos postos de traballo do persoal laboral a cada unha das categorías recollidas no anexo I do convenio e que implica unhas diferenzas nas retribucións económicas non xustificadas nin especificadas na documentación de que o Comité dispón.

Este caso, ao igual que moitos outros "expediente X" deste Concello en materia de persoal afonda nas diferenzas salariais, que en moitos casos, ou cando menos á vista da documentación, non están xustificadas en base á especificidade dos distintos postos de traballos. Por iso dende a CIG decidimos trasladarlle ao Concello esta petición de aclaracións con respecto ao complemento de posto baseándonos en que:

1. Na Relación de Postos de Traballo vixente non se indica con respecto a este complemento o motivo da adscrición a unha categoría ou outra do complemento de posto, e isto supón unha diferenza nas retribucións, tal e como indica o anexo I do convenio.

2. Unha grande parte dos postos de traballo están adscritos a unha categoría A, mais hai algúns outros, como os 422/52/53/54/55/56/57, os 422/60/61/62/63/64, os 451/111/112/113, o 451/117, o 521/128 e o 751/135 que están adscritos a categorías B e C nos distintos grupos mais sen ningunha explicación relativa ás condicións do posto de traballo sinaladas enriba no convenio nin na propia RPT.

3. Finalmente,  nalgunha ocasión se solicitaron verbalmente as explicacións correspondentes no departamento que proceden mais as ofrecidas tanto á representación dos traballadores como aos propios afectados non cadran coas situacións específicas dos postos de traballo enriba sinalados.

Dende a Sección sindical continuamos a intentar afondar no coñecemento da situación laboral real do persoal deste Concello por iso agradecemos aos compañeiros e compañeiras que nos achegan os seus problemas e solicitámoslle ao Concello toda a información que consideramos necesaria. A pesar disto, e como fai habitualmente, o Concello oculta a información o máximo tempo posible e non se dá ningunha présa en responder, mais temas como o do complemento de posto terán que ser abordados na Mesa Xeral de Negociación e moito máis aínda se o Concello pretende presentar unha nova proposta de RPT  que terá que aclarar esta e outras moitas eivas de difícil explicación á vista da documentación.



Ningún comentario:

Publicar un comentario