31/05/12

Horario de verán

Segundo o establecido no artigo 9.2. do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Betanzos o vindeiro 1 de xuño comeza a redución horaria correspondente aos meses de xuño, xullo e agosto e TODO O PERSOAL DESFRUTARÁ DUNHA REDUCIÓN DA XORNADA DE 1 HORA diaria que se establecerá segundo as necesidades do servizo. En moitos departamentos esta redución hai anos que se fai ao final da xornada, mais como sabemos, hai outros que por motivos de servizo non poden reducir unha hora diaria e desfrutan dunha compensación non recollida no convenio e que forma parte dun acordo non escrito entre o devandito departamento e o Concello. Realmente isto non tería porqué supor ningún prexuízo para os traballadores, mais o certo é que os criterios da compensación non son públicos e hai anos que son desiguais entre distintos departamentos cando a compensación horaria debería ser a mesma para todos os postos de traballo que non poden facer a redución diaria. A maiores, coma sempre están os casos que no pasado mesmo lle teñen denegado o dereito a redución nin a compensación, como é o caso do persoal pertencente ao GRUMIR.

Debido a que unha vez máis o convenio non especifica o horario de redución nos distintos departamentos e a posible compensación nos departamentos que por motivos de servizo non poden facer a devandita redución dende o Comité de Empresa solicitóuselle ao Concello que lle comunique a todos os departamentos o horario da redución dunha hora nos meses de verán, que especifique cal é a redución correspondente do persoal que ten un contrato a xornada parcial e que clarifique os criterios de compensación horaria para os postos de traballo que non poden facer a redución. O certo é que segundo para outros temas se aproban resolucións e se dá traslado aos departamentos entendemos que este é un tema urxente e agardamos que o Concello lle comunique aos traballadores canto antes o horario da redución. Independentemente disto e no que non sexa así, ao se tratar dun tema de horarios e xornadas intentarémolo levar a Mesa Xeral de Negociación para que, cando menos, o persoal dos departamentos que se ve obrigado a ter compensación horaria saiba canto antes cal é a compensación horaria correspondente a todo o período e non estea, como en anos anteriores, a este alturas, sen saber exactamente como vai ser o tema da redución horaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario