04/05/12

Novo horizonte: a loita por un reparto das axudas sociais máis xusto

Finalmente, e logo de que o conflito pola discriminación que o persoal laboral do Concello sufriu con respecto ás axudas sociais de 2011 chegase á prensa e ao propio Pleno, o Concello pagou as axudas sociais ao persoal laboral coa nómina do mes de abril. Obviamente hai un recorte na cantidade cobrada con respecto á solicitada e máxima posible, mais como nos diversos días varios compañeiros e compañeiras nos preguntaron cales eran as contías máxima coidamos que é necesario lembralas:

BOLSA DE ESTUDOS

Ensino primario: 90,15 euros

ESO, Bacharelato e FP: 150,25 euros

Universidade, escolas técnicas e equivalentes: 210,35 euros

GARDARÍA: 48,08 euros

ODONTOLOXÍA: 270,46 euros

LENTES: 120, 20 euros

PRÓTESES ORTOPÉDICAS E DISPOSITIVOS ESPECIAIS

Calzado ortopédico: 225, 38 euros

Plantillas: 60, 10 euros

Muletas: 90,15 euros

Vehículos de discacitados/as: 450, 76 euros

Aparello auditivo: 210, 35 euros
 
Esta cantidade, nun principio debería aparecer na nómina diminuída en aproxidamente algo máis do 13%, aínda non sabemos a contía exacta posto que o Concello non publicou a infomación. A día de hoxe, e a pesar do compromiso do Concello, non se publicou a información con respecto ás axudas, tal e como se comprometeu o goberno municipal, mais agardamos que nos vindeiros días os traballadores teñan un coñecemento máis polo miúdo que nos faría máis que redundar na transparencia de información que beneficia a todo o persoal.

Por outra banda, tal e como xa contamos, ábrese un novo horizonte propiciado polo intento de resolución do conflito latente mais que abrollou de novo porque nas últimas semanas a CIG denunciou a discriminación do persoal laboral na prensa; este novo horizonte será a loita por un novo regulamento do reparto das axudas sociais que teña como eixe fundamental o reparto das axudas en función da situación económica dos traballadores. 

Esta proposta, a dun reparto máis xusto das axudas, que por primeira vez achegou a CIG a este Concello, redundará no beneficio do persoal laboral, que neste Concello sempre estivo á cola dos funcionarios, e posibilitará un reparto das axudas que por primeira vez teña en conta criterios sociais e non se reparta linealmente de xeito que cobre o mesmo todo o persoal sen ter para nada en conta as diferenzas económicas existentes. Se o Concello mantén na Mesa Xeral de Negociación o criterio dun reparto máis xusto das axudas sociais, é posible que ese novo regulamento xa afecte ás axudas do ano 2012 e, sen dúbida, este será un pequeno gran logro de todo o persoal laboral. 
 
 
Nestes xa case doce meses e con respecto ás axudas sociais levamos loitando porque se fagan realidade os compromisos de traballo que a maior parte do persoal laboral do Concello de Betanzos decidiu que marcasen a axenda do novo Comité de Empresa:
  • Acceso ás axudas sociais para todos os traballadores e traballadoras do Concello.
  • Transparencia na convocatoria e na resolución das axudas do Fondo Social do Concello.
  • Distribución das axudas sociais conforme a un sistema que beneficie a quen máis o necesite.
  • Creación dun regula mento para a distribución das axudas do Fondo Social do Concello.
O certo é que ata hai dous días o tema das axudas sociais era case un tabú neste Concello do que pouca xente tiña un coñecemento real e algunha outra era excluída indiscriminadamente, hoxe as cousas mudaron un pouquiño mais este só é o inicio dun camiño moi longo, no que subimos algún chanzo aínda que houbo quen non puxo máis que cambadelas. O que é importante e dende a CIG sempre temos en conta é que absolutamente todos os logros, por pequenos que sexan, para o persoal laboral deste Concello serán moi importantes logos de anos de desinformación, manipulación e desleixo polo propio Concello mais tamén dos diversos sindicatos que ostentaron as maiorías ata que os compañeiros e compañeira votaron o cambio. 

Os compromisos, pois, están claros, e os feitos demostran que o traballo non é de balde, por iso cada vez intentaremos buscar máis sendeiros marcados pola mellora da situación laboral do persoal laboral deste Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario