30/07/12

Urxente: hoxe Mesa Xeral de Negociación

Finalmente e logo de que o xoves o Concello non tivese convocatoria para a CIG da Mesa Xeral de Negociación, o venres a primeira hora o Concello púxose en contacto coa CIG para recuar e alegar que a convocatoria deste sindicato se traslapapelara, casualidade ou non, o certo é que na CIG tivemos a convocatoria e a documentación un día máis tarde, o que nos dificultou moitísimo máis a súa análise con exclusivamente dous días para analizar polo miúdo unha nva Relación de Postos de Traballo, un Plan de Emprego e unhas novas relativas ao persoal que o Concello propón e dispón e que documentos sobre os que en ningún momento os delegados e delegadas da CIG tiveramos coñecemento ata este venres.

Independentemente de que, unha vez máis, a pesar de ser o sindicato maioritario, a CIG fose discriminada e non puidese obter a documentación ata un día despois que o resto dos sindicatos, é máis que obvio que o Concello ten unha vontade nula de negociación a convocar unha Mesa Xeral de Negociación que leva pendente dende febreiro de se reconstituír a un día do pleno, e cando xa esta documentación está en mans do resto dos partidos políticos e non ten, por tanto, ningunha posibilidade real de negociación cos representantes dos traballadores, tal e como obriga a lei. É unha vergoña absoluta para o Concello demostrar que leva meses mentindo e enganando aos representantes dos traballadores ao lle dicir que lle entregaría a documentación con tempo necesario para a súa análise.

Dende a CIG do Concello de Betanzos xa temos acordada a postura que defenderemos na Mesa de Negociación e tal e como levamos feito ao longo deste último ano non permitiremos que o Concello pretenda rirse dos traballadores cunha RPT que demostra non ser máis que un corta e pega con múltiples erros que delatan que non se axusta á realidade laboral do Concello e moitísimo menos a un documento legal que é crucial para os traballadores dunha administración posto que define dende as súas funcións ata as súas retribucións.

Logo da Mesa, como sempre, dende a CIG informarémosvos puntualmente do acontecido e dos pasos que seguiremos para non permitir que, unha vez máis, o Concello de Betanzos, intente facerse coa súa, amañar desfeitas laborais de xeitos irregulares e beneficiar puntualmente a algúns traballadores fronte a melloras colectivas nun momento en que estas son tan sumamente necesarias para todos os que padecen os recortes de dereitos e salarias dos últimos tempos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario