13/10/12

Alegacións do Comité de Empresa: Relación de Postos de Traballo

Tal e como comentamos en varias ocasións a Relación de Postos de Traballo aprobada inicialmente polo Goberno municipal ten moitísimos erros de diverso calibre, desde mudanzas na categoría profesional ata a mudanza nos requisitos de formación de distintas prazas e mesmo erros de cálculo na aplicación dos complementos, todo isto sen un manual que explique o porqué de todo, ou sexa que a explicación é porque a eles lles peta. 

 Non se sabe con certeza quen elaborou este documento mais o certo é que os representantes políticos non é a primeira vez que se intentan eximir de responsabilidades baixo a premisa de que a elaboración foi por conta dos técnicos do Concello, que tan só cunha ollada xeral ao documento nos podemos decatar de que foron funcionarios, non habería, senón, pois, explicación ningunha para tal reparto de complementos específicos ata o punto de que un funcionario do grupo E nivel 13 (o máis baixo) cobra, por exemplo, 5861,64 euros anuais de complemento específico e un laboral do grupo 1 (o máis alto) cobre pouco máis de mil euros. O certo é que a fin de contas pouco importa quen o elaborase posto que quen o presentou ante o Pleno foi o alcalde e a responsabilidade de promoción das discriminacións neste Concello é política porque o goberno municipal apoiado por CxB pretende levalo adiante a pesar de que hai pouco máis dun ano, cando entraron a gobernar, as promesas todas xiraban arredor da idea de solucionar os problemas que se viñan arrastrando dende hai anos, iso, un ano despois, pódese traducir en que pretenden agravalos aínda máis e que as diferenzas se vaian facendo insalvables e de máis difícil solución. 

 O que dende a CIG consideramos totalmente indignante é que o Concello admitise que na RPT hai erros e que non fose quen de corrixilos de facto nin de mesmo asesorar ao persoal de como facer coas alegacións. É o colmo que o Concello cometa o erro e o traballador se se decata, se sabe ou mesmo se atreve poida enmendalo. Moitos destes erros xa os observamos e advertimos dende a CIG na Mesa Xeral de Negociación, a pesar de só ter dous días para poder analizala, mais aínda así o documento non se modificou para corrixilo antes do Pleno. 

Agardamos que, cando menos, no tema das alegacións o goberno municipal non demostre semellante prepotencia e sexa quen de admitir que cometeu erros e emendalos para o ben de todos os traballadores e do propio Concello. 

O documento de alegacións presentado ao Concello é moi amplo, mais, a grandes trazos, as alegacións do Comité de Empresa foron as seguintes: 

A memoria da Relación de Postos de Traballo non reflicte a realidade da totalidade das mudanzas que lle afectan ao persoal e mesmo incorre en varios erros de vulto. Ademais especifica unha serie de consideracións que non se aplican a todos os casos, por exemplo, a creación de prazas por indefinición e a adecuación dos complementos específicos, e entendemos que o criterio é completamente arbitrario e inxustificado e por iso este documento é inválido como memoria previa por ser parcial, ambigüo e empregados os criterios de xeito uniforme en función dos traballadores afectados. Ademais solicitamos que se faga público o documento que acredite as equivalencias na numeración dos postos e prazas da RPT en vigor con respecto á aprobada inicialmente e que é obxecto destas alegacións. 

Ademais solicitamos que a RPT recolla os requisitos de titulación de todas as prazas que a requiran e que modifique os das prazas sinaladas por considerarmos que se trata de erros debido ao que moitos dos requisitos non eran necesarios para a selección do persoal que as ocupa e que os postos que con carácter singular e individual sufren modificación teñan a correspondente adecuación no complemento específico, que se corrixan as eivas referidas ao grupo profesional que se sinalan posto que non se pode cambiar a categoría profesional dos postos sen a oferta dunha nova praza con distintas carcaterísticas, que se corrixan as eivas referidas ao complemento de posto, que se doten todas as prazas dun complemento e que se fagan públicos os criterios de atribución dos niveis aos todas as prazas tendo en conta os grupos de todas as prazas. 

O Comité de Empresa tamén solicitou que se adecúe o complemento específico a cada un dos postos de traballo modificados, que se reflictan neste os traballos que o persoal vén realizando dende hai anos sen a remuneración correspondennte e que con carácter singular e individualizado, tal e como na memoria se indica para algúns postos e se incrementen no complemento específico as retribucións anuais que certos traballadores veñen percibindo de xeito periódico como gratificacións que retribúen traballos realizados dentro das funcións de cada posto e que o Concello faga público o sistema de xestión da RPT que valora cada un dos postos e a aplicación deste eles que poña de manifesto os criterios empregados para a desproporción na valoración dos postos ocupados por persoal laboral fronte aos de funcionarios. 

Agardamos que o Concello amose desta volta a boa vontade que tanto lle gusta predicar na prensa, recúe e inicie un verdadeiro proceso de negociación que poña sobre a mesa as opcións para arranxar as históricas discriminacións entre o persoal e non obrigue a xudicializar os conflitos cos propios traballadores tal e como leva facendo no último ano e como dixo que non faría naquela primeira reunión do alcalde recén chegado co novo Comité de Empresa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario