01/10/12

O Comité de Empresa tamén presentou alegacións á Relación de Postos de Traballo, ao Plan de Emprego e ao Capítulo XII do orzamento

Na reunión ordinaria do mes de setembro o Comité de Empresa acordou presentar unha serie de alegacións á Relación de Postos de Traballo, do Plan de Emprego e do Capítulo XII relativo ás normas de persoal. O documento presentado por rexistro pretende ser unha análise polo miúdo de todos os defectos, erros e mudanzas que levamos observados dende que o Concello nos achegou o documento a finais de xullo. Á vista de todos os documentos a memoria previa á RPT e a propia memoria do Plan de Emprego incorren en varios erros que consideramos de gravidade e ocultan información sobre as verdadeiras modificacións da RPT. Iremos desmiuzando pouco a pouco algunhas das propostas recollidas neste documento.

Capítulo XII. Normas relativas ao persoal.

O Comité solicitou que se subsanen os erros e que o criterio de adecuación do complemento específico á asignación de novas funcións a distintos postos de traballo sexa uniforme e non arbitrario tal e como acontecería se esas normas se aplican sen se modificar. Ademais tamén incidiu en que o persoal que non vén percibindo os trienios correspondentes deixe de ser discriminado nestes termos e que tampouco se produzan agravios discriminatorios totalmente arbitrarios e inxustificados no pagamento do complemento extra das pagas de dúas prazas de compañeiros laborais. 

Ademais ínstase ao Concello a faga público o manual do criterio de asignación dos niveis de complemento de posto e que lle asigne o devandito nivel a todos os postos que están incluídos na Relación Postos de Traballo. A maiores, solicitouse que se publiquen os criterios de asignación do complemento persoal e que se procure unha fórmula para evitar este agravio discriminatorio duns traballadores con respecto a outros.

O Comité tamén solicitou que o Concello utilice os mesmos criterios de retribución ocasional polo desempeño de funcións superiores en vacacións, baixas etc para o persoal laboral e o funcionariado, do contrario, se segundo indican as propias normas, isto supón un agravio discriminatorio en función da relación contractual dos traballadores. Con respecto ao persoal non estrutural pediuse que o Concello unifique e especifique os criterios retributivos do persoal ao abeiro de subvención de xeito que todos os traballadores en semellante situación contractual coñezan e se lles aplique o mesmo criterio con respecto ás retribucións básicas e complementarias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario