23/11/12

A CIG denuncia que a lei 10/2012 pon prezo ao exercicio do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva


A CIG denuncia que a lei 10/2012 pon en cuestión o Estado de Dereito, ao limitaren o acceso ao dereito fundamental á tutela xudicial efectiva. A central sindical considera que a pretensión de Gallardón e do Partido Popular é dificultar o recurso aos tribunais; recadar dúas veces, unha vía impostos e outra vía taxas (co-pago) e evitar facer os investimentos necesarios para dotar o sistema xudicial dos recursos materiais e humanos necesarios para garantir a mellor atención aos cidadáns.

Fronte á xustificación de Gallardón de que esta lei pretende ser disuasoria, a CIG denuncia que do que se trata é dunha lei excluínte que provocará a renuncia dos cidadáns a entaboar accións xudiciais en reclamación de dereitos individuais e colectivos, polo simple feito de non ter os cartos necesarios para pagar, por adiantado, as taxas xudiciais.
A central sindical considera que con esta medida ponse en cuestión o propio sistema democrático, ao pór prezo ao acceso a un dereito fundamental, como é o dereito á tutela xudicial efectiva, do que só quedarán excluídas as persoas con moi escasos recursos, que son as únicas que terán dereito á asistencia xurídica gratuíta.
Xunto a isto, en concreto o sector de Xustiza da CIG-Administración denuncia ademais que alén de impor esta inxusta medida, o PP aproveita a lei para “crucificar” máis ao persoal público ao exixírenlles a representación e defensa en todas as accións xudiciais en reclamación dos seus dereitos laborais e a imposición do dobre pagamento, en decembro das contías por dereitos pasivos e mutualidades, malia deixaren de percibir a paga extraordinaria.
A CIG rexeita, xa que logo, este e outros recortes de dereitos prantexados polo PP e defende o mantemento dos servizos públicos e dun sistema social e de dereitos cada vez máis en entredito por mor das medidas que se veñen adoptando só pretexto da crise económica.






Ningún comentario:

Publicar un comentario