23/11/12

Axudas sociais 2012, convocatoria e prazos de solicitude

O Comité de Empresa solicitou hoxe por rexistro e logo persoalmente ao concelleiro de persoal que se publicase a convocatoria de axudas sociais do ano 2012, logo de ver que a negociación das bases se está a demorar máis do previsto e tendo en conta que aínda se estan a negociar agora cando o Comité de Empresa entregou a súa proposta no mes de marzo.

A negociación dunhas novas bases entendemos que é un procedemento diferente á convocatoria do ano 2012, posto que as novas bases deberían ser aprobadas en pleno e en ningún caso poderían ter efecto retroactivo se ata o día de hoxe seguen vixentes as bases de 2001, por iso, e ante as preguntas de moitos compañeiros urximos ao Concello a publicación da convocatoria deste ano coa solicitude de ampliación de praza ata finais de decembro para facilitar as xestións dos compañeiros e compañeiras. A maiores, solicitamos que independentemente desta convocatoria cumpría seguir coas negociacións das novas bases de cara a podelas aplicar xa no ano 2013.

Na reunión mantida hoxe mesmo o concelleiro de Persoal amosou a boa dispoñibilidade do Concello a chegar a un acordo con respecto a este tema que tantos problemas supuxo nos pasados meses e comprometeuse coa representación do Comité a que a vindeira semana se publicaría a convocatoria cos novos prazos e tendo en conta as bases vixentes e que nos vindeiros días continuaríase coa negociación das novas de cara a podelas aplicar na vindeira convocatoria a todos os efectos.

Agardamos que nos vindeiros días se achegue a convocatoria a todos os departamentos e que a resolución destas axudas sexa moito máis áxil que na última ocasión, e entre tanto seguiremos nas negociacións por unhas novas bases con criterio social que agardamos que se acorden canto antes.


Axudas Sociais Solicitude Convocatoria

Ningún comentario:

Publicar un comentario