Ante
a nota de prensa enviada polo propio Concello con motivo da sentenza
de tutela de liberdade fundamental dende a Sección sindical da CIG
do Concello de Betanzos queremos deixar constar o seguinte:
- A bolsa de horas simplemente era unha ferramenta administrativa para xestionar as horas sindicais e que supoñía que cando había unha reunión no canto de entrar cinco solicitudes por rexistro entraba unha soa asinada pola representante da Sección sindical da CIG en nome de todos os delegados correspondentes. Tendo en conta que non todos os delegados e delegadas traballan nas oficinas ata entedemos que era beneficioso para o Concello posto que os compañeiros non se tiñan que desprazar dende os seus postos de traballo ata o Rexistro municipal, só aberto en horario laboral de mañá.
- Hai máis dun ano xa que os delegados sindicais da CIG non teñen esa bolsa de horas, dende o momento que a Alcaldía publicou a resolución, e a pesar de interpoñer unha demanda, decidimos non volver facer uso desa bolsa de horas e cada delegado e delegada solicita as súas horas sindicais individualmente, por tanto, a día de hoxe esa sentenza non cambia nada. Isto non impediu, e os feitos así o demostran, que se realice o traballo sindical e é máis, dende o momento que o Alcalde do Concello prohibiu utilizar esta ferramenta tivemos aínda moito máis claro que traballariamos arreo con ou sen dereitos sindicais.
- O Concello minte descaradamente e con concoñecemento de causa cando indica que 100 horas desa bolsa recaerían nunha soa delegada porque nunca, en ningún dos meses que existiu a bolsa, as horas recaeron nunha soa delegada, é máis, a maioría dos meses sobraron máis da metade das horas posto que ningún delegado nin delegada as solicitaba todas, e todas e cada unha das solicitudes están rexistradas (non como as de compañeiros da UGT que afirmaban estar nas reunións do Comité de Empresa sen ter rexistradas as horas, así claro que non as gastaban...) e o Concello non pode demostrar documentalmente o que afirma. Ademais resultaría absolutamente imposible que só unha persoa desfrutase de todas as horas sindicais posto que entón o resto de delegados non poderían asistir ás asembleas e comisións do Comité de Empresa, atender o local sindical cando así lles correspondía e facer o seu traballo sindical cando era preciso; e un Comité de Empresa nin é válido nin pode funcionar cunha sóa persoa.
- En todas as administracións e mesmo en empresas privadas existen bolsas de horas sindicais como ferramentas de xestión deste tempo e, tristemente, como puidemos observar nos últimos meses, logo de que seis sentenzas dos compañeiros do GRUMIR declarasen improcedentes os despedimentos e outras dúas non, a xustiza non sempre mide os mesmo casos coa igual vara de medir, e neste caso o alcalde do Concello de Betanzos decidiu que os delegados deste Concello non tivésemos os mesmos dereitos que os doutras administracións e demostrou que o “socialista” e “obreiro” lle vén moi pero moi grande ao goberno municipal.
- Lamentamos profundamente que o Concello bula tanto para enviar unha nota de prensa por estes motivos e non para informar de cal é a situación con respecto á Relación de Postos de Traballo, porqué decidiron non negociar cos traballadores as propias modificacións dos seus postos ou explicar como é posible que a xestión do Concello sexa tan pésima en materia de persoal que teñan que preguntarlle á Deputación, a un mes do comezo de 2013, que pasa cos orzamentos de 2012. Igualmente, nótase demasiado que o goberno municipal ten diferentes varas de medir porque cando hai un ano a presidenta do Comité comunicou por rexistro un episodio de violencia verbal acontecido co secretario municipal, e o único que fixo o Concello foi ocultarllo durante meses á oposición, non abrir o pertinente expediente informativo e nin sequera falar coa propia delegada ata meses despois e tan só a un día do pleno en que se viron obrigados a tratar o tema.
- O certo é que tampouco é nova a estratexia de intentar descreditar aos delegados e delegadas da CIG que o único que pretende é ser unha última chamada de auxilio para que non se desmonte esta “chiringuitada” que sempre foi a xestión do persoal no Concello de Betanzos, mais estes feitos serven para dar máis azos e continuar traballando porque isto non acaba máis que de comezar e a pesar de que aínda nos sorprendemos día a día coas discriminacións practicadas polo goberno municipal, algo ao que nunca renunciaremos é a traballar polo persoal laboral e a mantelo informado de que todos os pasos que dá o Concello e que lle afectan aos traballadores e traballadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario