O Concello vén de convocar a reunión acordada da Comisión Negociadora do convenio colectivo. Esta reunión terá lugar o vindeiro xoves 31 de xaneiro e nela negociaranse os capítulos VII e VIII do convenio colectivo, relativos aos calendarios laborais, as xornadas e os horarios e mais ás vacacións, permisos, licenzas e situacións administrativas.
Nun principio esta reunión demorouse dúas semanas porque o Concello ía achegar as súas propostas con respecto ao texto presentado polo Comité de Empresa a pesar de que aínda non as entregou. Agardamos que mañá, aínda que sexa in extremis o Concello achegue o texto de cara a que os representantes do persoal poidamos ter unha postura clara na Comisión Negociadora, mais o certo é que sempre xogamos con desvantaxe porque o Concello hai máis dun ano que ten a proposta dos traballadores e nós, pola contra, os representantes do Persoal sempre temos que comparar as propostas coa negociación ás portas e coa presión que iso supón nunha negociación tan importante como é a do convenio colectivo.
A maiores, o Concello venlle de achegar á representación da CIG a convocatoria da Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios con motivo da negociación do convenio do funcionariado, e á que a CIG asiste en calidade de sindicato posto que a negociación de todo o que ten a ver cos funcionarios é directamente cos sindicatos. Tal e como temos explicado noutras ocasións sempre que poidamos asistiremos a estas convocatorias para observar de primeira man as negociacións que o Concello ten directamente co funcionariado e en que medida estas son correlativas coas dos laborais e non como anos atrás cando, non sabemos a través de que negociacións, porque o propio Concello admitiu que ata chegarmos nunca houbo Mesa Xeral de Negociación como tal, o funcionariado, ou cando menos algúns, conseguían o que se propoñían mentres que os laborais quedaban á cola e eran tratados como traballadores de segundo polos propios representantes políticos que non facían máis que promesas que nunca se chegaron a cumprir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario