17/01/13

Trámites de xestións básicas para o persoal do Concello de Betanzos: tarde, mal e arrastro

O Comité de Empresa vén de solicitar, unha vez máis, que o Concello actualice o modelo de solicitude de permisos para adaptalo á lexislación vixente e deixar de provocar confusións entre o persoal.

Concello de Betanzos en maio de 2012, xunto cunha Resolución da Alcaldía onde se recortaba o dereito aos días de asuntos propios por antigüidade que o persoal laboral desta Administracón viña desfrutando até o momento (antes mesmo de que o PP aprobase a nivel estatal o Decreto 20/2012) , publicou un modelo de solicitude de permisos e outros onde recollía algunhas das continxencias polas que o persoal laboral e o funcionariado poden solicitar días con importantes diferenzas nos dereitos entre o funcionariado e o persoal laboral. En xullo de 2012, publicouse o Real-decreto lei 20/2012 de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade que modifica or artigos 48 e 50 da Lei 7/2003, de 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público e que desde a súa entrada en vigor quedaron suspendidos e sen efecto o convenio do persoal laboral deste Concello nos termos a que a lei de refire e, por tanto, en moitos dos casos sinalados no devandito modelo de solicitude.

Debido a isto xa en setembro do ano pasado o Comité de Empresa rexistrou unha solicitude para que o Concello actualizase o modelo de solicitude de permisos, mais a día de hoxe, a mediados de xaneiro de 2013 a solicitude de permisos vixente e que o Concello ofrece aos traballadores está completamente desactualizada e non contempla as medidas lexislativas provocadas ao abeiro do Decreto 20/2012 o está a provocar confusións a hora de solicitar os permisos correspondentes.

Á vista de que o Concello non é quen de realizar de motu propio este tipo de xestións e todo o ten que facer tarde, mal e arrastro, o Comité solicitou unha vez máis que o Concello actualice o modelo de solicitude de permisos coa información correspondente aos permisos de que pode desfrutar na actualidade o persoal laboral, posto que a solicitude vixente e a información de que dispoñen os traballadores pode resultar equívoca e tamén solicitou que informe a todo o persoal nos taboleiros de información das actualizacións lexislativas correspondentes en materia de permisos logo do Real-decreto lei 20/2012.

Lembrámosvos os permisos vixentes logo da aprobación do Decreto 20/2012 e o artigo que homoxeniza os permisos para o persoal ao servizo das Administracións públicas.


Artigo 8. Modificación dos artigos 48 e 50 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público e medidas sobre días adicionais.

Un. Modifícase o artigo 48 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do  empregado público, nos seguintes termos:

«Artigo 48. Permisos dos funcionarios públicos.
Os funcionarios públicos terán os seguintes permisos:

a) Por falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar dentro do  primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, tres días hábiles cando o suceso  se produza na mesma localidade, e cinco días hábiles cando sexa en distinta  localidade.
Cando se trate do falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar  dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade, o permiso será de dous  días hábiles cando se produza na mesma localidade e de catro días hábiles cando  sexa en distinta localidade.

b) Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, un día.

c) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal, nos  termos que se determine.

d) Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude,  durante os días da súa realización.

e) Para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto  polas funcionarias embarazadas.

f) Por lactación dun fillo menor de doce meses terá dereito a unha hora de  ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. Este dereito poderase  substituír por unha redución da xornada normal en media hora ao inicio e ao final  da xornada ou nunha hora ao inicio ou ao final da xornada, coa mesma finalidade
Este dereito poderá ser exercido indistintamente por un ou outro dos proxenitores,  no caso de que ambos os dous traballen. Igualmente, a funcionaria poderá solicitar a substitución do tempo de lactación  por un permiso retribuído que acumule en xornadas completas o tempo  correspondente. Este permiso incrementarase proporcionalmente nos casos de parto múltiple.


g) Por nacemento de fillos prematuros ou que por calquera outra causa deban  permanecer hospitalizados a continuación do parto, a funcionaria ou o funcionario  terá dereito a ausentarse do traballo durante un máximo de dúas horas diarias  percibindo as retribucións íntegras. Así mesmo, terán dereito a reducir a súa xornada de traballo ata un máximo de  dúas horas, coa diminución proporcional das súas retribucións.

h) Por razóns de garda legal, cando o funcionario teña o coidado directo  dalgún menor de doce anos, de persoa maior que requira especial dedicación, ou  dunha persoa con discapacidade que non desempeñe actividade retribuída, terá  dereito á redución da súa xornada de traballo, coa diminución das súas retribucións que corresponda. Terá o mesmo dereito o funcionario que precise encargarse do coidado directo  dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns  de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e que non  desempeñe actividade retribuída.

i) Por ser preciso atender o coidado dun familiar de primeiro grao, o  funcionario terá dereito a solicitar unha redución de ata o cincuenta por cento da  xornada laboral, con carácter retribuído, por razóns de enfermidade moi grave e  polo prazo máximo dun mes. Se houber máis dun titular deste dereito polo mesmo feito causante, o tempo  de desfrute desta redución poderase ratear entre eles, respectando, en todo caso,  o prazo máximo dun mes.

j) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de  carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida  familiar e laboral.

k) Por asuntos particulares, tres días.

l) Por matrimonio, quince días.»

Dous. Modifícase o artigo 50 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do  empregado público, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 50. Vacacións dos funcionarios públicos.
Os funcionarios públicos terán dereito a desfrutar, durante cada ano natural,  dunhas vacacións retribuídas de vinte e dous días hábiles, ou dos días que  correspondan proporcionalmente se o tempo de servizo durante o ano foi menor. Para os efectos do previsto neste artigo, non se considerarán como días hábiles  os sábados, sen prexuízo das adaptacións que se establezan para os horarios
especiais.»

Tres. Desde a entrada en vigor deste real decreto lei quedan suspendidos e sen  efecto os acordos, pactos e convenios para o persoal funcionario e laboral, subscritos  polas administracións públicas e os seus organismos e entidades, vinculados ou  dependentes delas, que non se axusten ao previsto neste artigo, en particular, no relativo  ao permiso por asuntos particulares, vacacións e días adicionais aos de libre disposición  ou de similar natureza






Ningún comentario:

Publicar un comentario