Centos de delegados/as da CIG
mobilizáronse nas sete cidades do país para rexeitar o “carácter
antisocial” dos Orzamentos da Xunta de Galiza e en defensa da
negociación colectiva como ferramenta para mellorar as condicións
laborais. As protestas, que incluíron manifestacións,
concentracións e peches en distintos edificios públicos, estiveron
precedidas de asembleas nas que os representantes sindicais
analizaron as contas públicas e os intentos de desmantelar a
negociación colectiva.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo,
-que participou na mobilización da Vigo- aproveitou a asemblea de
delegados/as para expoñer os motivos que levaron á central
nacionalista a rexeitar os Orzamentos da Xunta para 2013, cifrados en
9.479 millóns de euros.
Seixo explicou que a importante
redución que experimentaron dende o ano 2009 (de preto de 2.300
millóns) amosan ás claras a nula vontade do PP de reactivar a
economía incrementando o investimento público.
“As contas públicas amosan as
políticas do PP, unhas políticas que fan que en Galiza se superen
nestes momentos os 300.000 parados, sen contar a xente que están en
ERE ou os milleiros de mozos e mozas que teñen que emigrar”,incidiu.
Criticou que o Goberno galego siga a
recorrer ao endebedamento, que esta ano se sitúa nos 1.475 millóns,
dos que boa parte son para pagar os xuros. “Están a engordar os
banqueiros mentres inciden nos recortes e na precarización dos
servizos sociais”, censurou. Neste senso, denunciou que a Xunta
aposta tamén no incremento dos impostos indirectos, como o IVE, “ao
tempo que se nega a subirlle os impostos directos ao capital, á
banca, e ás grandes empresas”.
O máximo responsábel da CIG lembrou
que os ingresos vía impostos indirectos están a reducirse
considerablemente porque os salarios son cada vez máis baixos e a
taxa de paro non fai máis que medrar. “Como non ingresan por esta
vía reducen o investimento público, o que fai que se entre nun
círculo vicioso sen saída”.
Fronte a isto, Seixo aposta por
aumentar o gasto público, subir os impostos directos e eliminar a
fraude fiscal, ademais de crear unha banca pública que achegue
financiamento a familias e pequenas e medianas empresas. “É
preciso incrementar os salarios para que medre o consumo e se
reactive a economía”.
Defensa da negociación colectiva
No que respecta á negociación
colectiva, o secretario xeral da CIG lembrou que se trata dunha
ferramenta fundamental para mellorar as condicións laborais. Neste
senso, acusou á patronal de presionar ao Goberno para lograr que se
lle dea prioridade aos convenios de empresa por enriba dos
sectoriais, cando até o de agora non se podía pactar convenios por
debaixo dos do sector).
“Tamén está a cuestión da
ultractividade, polo que se a partir dun ano non se negociou un novo
convenio vaise ao Estatuto dos Traballadores e ao Salario Mínimo
Interprofesional”. Segundo denunciou, con estas modificacións
pretenden unha redución de salarios dun 20-25%.
Diante disto, indicou que a CIG está
intentando chegar a un acordo de mínimos con CCOO e UGT para que non
se pacten convenios de empresa por debaixo dos sectoriais, que non se
perdan convenios de sector de ámbito provincial e que se promovan os
convenios de ámbito galego. “Non hai forma de que se comprometan,
pero imos a seguir insistindo”.
Finalmente, adiantou que a central
baralla convocar unha xornada de loita a finais de marzo ou a comezos
de abril por todos os convenios que están sen negociar, xa que no
mes de xullo quedarán sen vixencia. “Existe a posibilidade de que
convoquemos incluso unha folga xeral en defensa da negociación
colectiva”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario