03/02/13

O Comité de Empresa acorda rexistrar unha queixa polas discriminacións xenéricas existentes nesta Administración

O Comité de Empresa por iniciativa da CIG, na súa reunión ordinaria do mes de xaneiro acordou por unanimidade presentar unha queixa no Concello pola denegación das conciliacións de varias compañeiras e polas desigualdades xenéricas existentes entre homes e mulleres.

Neste escrito, rexistrado a semana pasada o Comité expuxo como representantes dos traballadores viña observando reiterados incumprimentos do II Plan de Igualdade aprobado polo Concello de Betanzos en varios aspectos que atinxen directamente ao persoal laboral deste Concello e sobre os que se quere deixar constancia.

Unha das sete áreas de actuación do Plan é “formación, emprego e conciliación da vida laboral e familiar”, a maiores, entre os obxectivos principais destácanse “incorporar a perspectiva de xénero na política municipal e nas súas accións”, “reducir os desequilibrios no ámbito público e privado adecuando as estruturas do emprego e os servizos sociocomunitarios ás necesidades da vida persoal e familiar”. Tamén queremos lembrar que no propio Plan incorpóranse actuación concretas como a 1.4.6. “informar periodiodicamente aos persoal municipal das novidades en materia de dereitos laborais e facilitar a conciliación da vida laboral e familiar”, a 2.1.2. “difusión da importancia do desenvolvemento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar”, 2.1.3. “impulsar a igualdade de trato nas relacións entre membros da administración” ou 2.1.4. “amosar boas prácticas sobre a presenza das mulleres no Concello”.

Pois ben, logo de facer un repaso a algunhas das actuacións que están orientadas cara ao persoal do propio Concello consideramos que o Concello está a incumprir o Plan de Igualdade nalgúns dos seus puntos e por ese motivo queremos deixar constancia da queixa do Comité de Empresa do persoal laboral con respecto a estas cuestións. Esta Plan foi presentado no ano 2012, o mesmo ano en que a tres compañeiras laborais deste Concello se lles denegou un horario que permitise conciliar a vida laboral e familiar pola vía da non resposta. En varias ocasións o propio concelleiro de persoal mesmo lles dixo a algunha das afectadas que lles responderían á súa solicitude mais a día de hoxe tal feito non se produciu e o Concello denegou a varias traballadoras unha modificación horaria por conciliación. Isto, a maiores, pode contrarrestarse con que hai outro persoal que semella ter un horario diferente ao xeral indicado no convenio colectivo por conciliación aínda que non teñamos constancia de que se solicitase polo procedemento oportuno, o que supón unha dupla discriminación para as traballadoras afectadas posto que non é só que llo deneguen a todas as que o solicitan por escrito senón que hai persoal en situacións semellantes que parece ter o dereito. Todo o indicado incumpre claramente os puntos 2.1.2. e 1.4.6. do Plan de Igualdade.

A maiores, consideramos que se incumpren tamén os puntos 2.1.3. e 2.1.4. posto que no Concello de Betanzos hai indicios de discriminación xenérica entre o propio persoal desta Administración, que deberían ser analizados, estudados e solucionados polo Concello. A grandes trazos, advertimos claras discriminacións salariais en función do xenéro entre persoal de similar categoría e con semellantes funcións que están reflectidas na propia Relación de Postos de Traballo existente, onde as mulleres teñen adxudicados os complementos específicos máis baixos de todas as categorías profesionais que teñen ocupados postos por mulleres, e mesmo no caso de encargados e directores fronte a encargadas e directoras de servizos hai unha diferenza abismal nas retribucións dos postos por semellante responsabilidade. Igualmente, as mulleres ocupan moitos menos postos de dirección que os homes entre o persoal do Concello e ocupan postos relacionados na maioría dos casos con profesións feminizadas.

O Comité indicoulle, neste escrito dirixido ao alcalde, que debido a todo o sinalado considera que o Concello de Betanzos debería ter en consideración as queixas do Comité de Empresa polo incumprimento do Plan e buscar vías de solución que avalen un verdadeiro compromiso coa igualdade de xénero entre o propio persoal da Administración.

Así mesmo, ademais de entregalo no Rexistro Xeral acordouse enviar á queixa á caixa de correo da igualdade que o Concello creou para recibir suxestións, achegas ou comentarios sobre o devandito Plan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario