Ao
final o tempo comeza a nos dar a razón. Non foi sen tempo, esforzo
nin demandas, mais o Concello de Betanzos que parecía ata o momento
non saber o que era a negociación colectiva fóra dos despachos e a
porta pechada comeza a sentar as bases do que son os parámetros
mínimos da negociacións lexisladas cos representantes sindicais.
Fixeron falla moitas solicitudes, reclamacións, denuncias públicas
e mesmo enfrontamentos, mais na última Mesa Xeral, o pasado 4 de
abril cando todos os sindicatos con representación no Concello
estaban alí, dende a CIG decatámonos da importancia do que
motivamos; motivamos que tamén se movesen os sindicatos que ata
agora tiveran representación mais nin estaban nin se lles esperaba,
motivamos que o Concello argumente e se xustifique nun organismo onde
todo é recollido nunha acta e cuxos acordos, no caso de seren
ilegais poden ser levados ao xulgado (iso era imposible cos
díxome-díxome e as reunións privadas nos despachos) e o que
consideramos máis importante, a CIG motivou que queden de manifesto
os agravios discriminatorios existentes entre o persoal deste
Concello e que, como mínimo, ao Concello se lle caia a cara de
vergoña coas distintas varas de medir que non lle quedou máis
remedio admitir que ten.
Ao
longo destas semanas dende a CIG puxémonos en contacto con persoal
de distintos departamentos para lle trasladar as nosas preocupacións
con respecto ao que pretende negociar o Concello no que ten que ver
con xornada, horarios, permisos, vacacións, licenzas e excedencias,
o certo é que xa nos parecía lesiva para os nosos dereitos a
proposta que entregaron en xaneiro na Comisión Negociadora do
convenio mais se aquela o era esta o é moi máis, xa case dubidamos
que o PSOE local estea nunha carreira para asemellarse ao PP a nivel
autonómico e estatal porque o certo é que xa hai tempo que dicimos
que a súa política laboral nada lle ten que envexar á da dereita
máis rancia.
En
todo caso, dende a CIG oporémonos a calquera medida regresiva en
materia de dereitos laborais non contemplados polas lexislación e
moitísimo menos se non hai ningunha proposta sobre a mesa, e parece
ser que non, de mellora en ningún outro aspecto, aínda así
observamos na documentación varios erros, que puxemos de manifesto
no organismo pertinente independentemente na nosa oposición a
calquera medida regresiva.
Ata
o momento, houbo dúas mesas, o día 27 de marzo e o día 4 de abril.
Nos dous encontros o Concello amosouse un pouco perdido e temos que
admitir que nos sorprende o descoñecemento da situación real dalgún
persoal, ou, cando menos, iso é o que demostra, a isto lle temos que
sumar o que consideramos unha falta de responsabilidade dalgún
sindicato que se dedica a abandonar o organismo lexítimo de
negociación dos traballadores, doutro que parece que máis que
defender aos traballadores defende a postura do Concello e do outro
sindicato con representación no Comité de Empresa que se dedica
principalmente a se preocupar polas situacións particulares dos seus
delegados no canto de se preocupar pola situación do colectivo do
persoal laboral, o que tampouco é nada novo. Se algo quedou claro é
que a CIG foi o único sindicato que fixo referencia ás compañeiras
da Escola Infantil Municipal, ao compañeiros e compañeiras do
servizo de limpeza, do Centro de Formación Ocupacional, do servizo
de obras, xardinaría e de mantemento eléctrico e de todo o persoal
laboral que traballa nos distintos edificios en xeral para poñer de
manifesto que por moito que o Concello pretenda homoxeneizar unha
serie de dereitos co funcionariado entre tanto as diferenzas
salariais entre funcionarios e laborais sexan tan abismais NUNCA
HABERÁ IGUALDADE POR MOITO QUE NOS QUEIRAN VENDER ESTE ACORDO COMO
UN PASO MÁIS PARA CONSEGUIR ESTA.
A
maiores de todo isto consideramos vergoñento que logo dun ano e
medio de negociación do convenio o Concello non sexa quen de
elaborar unha proposta con xeito e que inclúa todos os puntos
necesarios e sempre intente tapar os furados con chapuzas como sempre
se fixo aquí, nós, pola nosa parte, loitaremos por un texto que non
deixe á imaxinación o menos posible e sobre o que o persoal se
poida basear con firmeza á hora de exercer os seus dereitos.
Igualmente,
dende a Sección sindical da CIG queremos agradecer todas as achegas
que os compañeiros e compañeiras nos fixeron de cara a mellorar a
proposta do Concello porque como temos dito moitas veces os delegados
e delegadas sindicais trasmitímoslle ao Concello os problemas e
podemos propor solucións mais cada traballador e traballadora é o
que sabe das súas condicións particulares e é o primeiro elo da
cadea de cara a poder buscar solucións aos problemas. Así mesmo,
como aínda estamos á espera dunha nova convocatoria de Mesa Xeral
de Negociación, e tendo en conta que aínda non foi aprobado nada
aínda se poden facer suxestións de cara a facer mención na
vindeira reunión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario