06/05/13

Real decreto sobre xubilación: A supervivencia posta a proba


Unha das causas de perda de emprego no último ano foi a flexibilización das condicións nas que unha empresa con beneficios pode despedir a todo ou parte do seu cadro de persoal, e a supresión da autorización administrativa nos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE). Despois de crear as condicións para lanzar a xente ao paro sen contemplacións, entramos na fase de espremer ao límite a súa capacidade de supervivencia.

 O Consello de Ministros do 15 de marzo avanza nesa dirección co Real Decreto-Lei 5/2013, que dá outro paso máis na política de liberar as empresas de obrigas coa sociedade.

 A Lei 3/2012 do 6 de xullo prevía que as empresas con beneficios que despedisen en ERE a persoas maiores de 50 anos terían que aboar a contía da prestación de desemprego, e tamén parte dos subsidios posteriores a esgotar a prestación. O PP modifica agora a obriga, reducíndoa a aqueles casos nos que a porcentaxe de persoas maiores de 50 anos sobre o total de despedimentos do ERE sexa superior á súa porcentaxe no persoal, o que é un xeito solapado de desactivar unha medida que tendía a facer pagar á empresa con beneficios algunha parte do custo social das súas decisións. A partir de agora o gasto trasládase ao sistema de Seguridade Social.

 A protección por desemprego sufriu reducións importantes pola Lei 20/2012 do 13 de xullo. Xunto á medida máis coñecida, consistente en baixar a contía da prestación a partir do sétimo mes do 60 ao 50% da base reguladora, realizáronse máis recortes. Un foi que o SEPE (antigo INEM) deixou de achegar o 35% da cota de Seguridade Social que corresponde pagar a quen está cobrando a prestación de desemprego. Outro, que endureceron as regras para valorar os ingresos de quen pretende cobrar o subsidio de desemprego unha vez esgotada a prestación. E, por fin, que a idade mínima para cobrar o subsidio para maiores até a idade de xubilación, pasou dos 52 aos 55 anos, e diminuíse a base pola que o sistema de Seguridade Social cotizaba para a xubilación de quen está percibindo o subsidio: do 125% da base mínima de cotización baixou ao 100%.

 A última volta de parafuso contra as persoas paradas, o RDL 5/2013, consiste en que o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos, que en 2013 é de 426 euros ao mes, cambia a súa condición de dereito individual pasando a converterse nunha prestación suxeita á escaseza de ingresos da unidade familiar. Antes da reforma, tíñanse en conta soamente os ingresos da persoa solicitante. A partir de agora, fará falta que os familiares cos que conviva teñan tamén unha situación económica extremadamente precaria: en concreto, que os ingresos da familia constituída por cónxuxe e fillos e fillas menores de 26 anos ou incapaces sexa inferior aos 483,98 euros por persoa. É dicir, un cónxuxe que non chegue a mileurista (abondará con que gañe 968 euros ao mes), mesmo se está en paro e o que está cobrando é a prestación de desemprego, será considerado responsábel do sostemento da outra parte, liberando o sistema de Seguridade Social da súa deber de dar cobertura en situacións de necesidade.

Diferenzas salariais

 Non hai palabras. A medida terá un impacto xeral no empobrecemento da poboación que depende do seu salario para sobrevivir, e moi especialmente nas mulleres casadas. En xaneiro de 2013, o 67% das persoas maiores de 55 anos que están cobrando prestación contributiva de desemprego son homes, aos que no contexto de desemprego actual, unha vez esgotada a prestación lles vai chegar o momento de cobrar o subsidio. Tamén son homes o 59% de quen hoxe cobra o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos, que esixe ter cotizado 15 anos, seis deles a un réxime que teña a prestación de desemprego. Estas condicións eliminan máis ás mulleres, que con máis frecuencia permaneceron na economía mergullada ou traballando no sector de fogar, cuxo réxime non ten prestación de desemprego.

 En diante, a diferenza salarial entre homes e mulleres terá como resultado que a esposa non poderá cobrar o subsidio de maiores de 55 porque, ben de veces, o marido terá un salario ou unha prestación legalmente suficiente para mantela. Tamén ocorrerá que, co obxectivo de que o marido de máis de 55 anos poida aspirar ao subsidio de maiores que pode estenderse até a idade de xubilación, a esposa traballará de xeito non declarado. O paso á economía mergullada dos membros da familia con traballos a tempo parcial, intermitentes e/ou con peores carreiras de cotización é un fenómeno típico cando están en xogo prestacións que teñen en conta os ingresos familiares.

 Atrásase en dous anos a idade de acceso ás xubilacións anticipadas, tanto a forzosa como a voluntaria, até alcanzar -progresivamente- as idades de 63 e 65 anos respectivamente, seguindo o aumento da idade ordinaria que se aprobou no 2011, de 65 a 67 anos. Ademais, na maioría dos casos aumentouse a penalización por anticipo da idade, sobre todo se a xubilación é voluntaria.

 O ingreso máis tardío ao traballo das xeracións actuais e as frecuentes interrupcións das súas cotizacións polo desemprego traerán consigo a aplicación das penalizacións máis altas, que poderán supoñer reducións de até do 30% da pensión. Estas reducións non só compensan o maior gasto do sistema de Seguridade Social debido ao adianto do cobro da xubilación e polo tanto a percepción desta durante máis tempo, senón que previsibelmente o superan. A inxustiza agrávase pola carencia dunha regulación e unha política eficaz para o mantemento no emprego das persoas maiores e pola insuficiencia nas prestaciones de desemprego previas á xubilación, que se agrava con este Decreto Lei.

 Mentres a política da dirección das empresas de prescindir das persoas maiores, para substituílas por outras novas, con contratos máis precarios e menores salarios, dá lugar a un elevado desemprego desas persoas maiores (segundo o INE, no último cuadrimestre de 2012 había máis de 530.700 persoas desempregadas maiores de 55 anos), o atraso na idade de xubilación, unido ás restricións para a percepción do subsidio de prexubilación, vai supoñer que unha parte substancial destas vai quedar sen ningún tipo de prestacioóns da Seguridade Social até que poidan acceder á xubilación, é dicir, nin prestacións contributivas de desemprego, nin subsidios de desemprego -que teñen duración limitada-. Cando accedan á xubilación, a súa pensión vaise ver diminuída polo peor trato dos períodos sen cotizar que xa fixou a reforma de 2011; para quen si poida percibir o subsidio de maiores de 55, a base de cotización a cargo do Servizo de Emprego, tal como se dixo, rebaixouse, o que incidirá directamente nunha base reguladora menor para o cálculo da pensión.

[Artigo tirado do sitio webDiagonal’]

Ningún comentario:

Publicar un comentario