A
Confederación Intersindical Galega manifesta o seu máis rotundo
rexeitamento ás propostas recollidas no informe dos “expertos”
co que se pretende avalar unha nova reforma das pensións. Para a
central sindical, lonxe de pretender garantir a súa viabilidade a
medio e longo prazo, o que se busca é reducir a contía das
pensións, dificultar o acceso ás mesmas e promover que as
traballadoras e traballadores con capacidade adquisitiva subscriban
plans de pensións privados, para alimentar así o negocio da banca e
dos especuladores.
O
secretario xeral da CIG, Suso Seixo, considera que non estamos ante
un debate técnico, senón ideolóxico. Cuestiona a propia natureza
do informe e ás persoas que o elaboraron. “Non son neutrais,
practicamente todos están vinculados á banca e as aseguradoras,
entidades que teñen que ver co negocio dos fondos privados de
pensións”, afirma. De feito, considera que o resultado dese
informe tería sido distinto se se encargara a súa elaboración a
persoas cun perfil diferente.
Respecto
do contido do informe, que máis unha vez insiste en que o sistema
público de pensións non é viábel, lembra que xa se ven recorrendo
a este argumento desde os anos 90, momento no que tamén se
presentaron informes de expertos vinculados ao sector financeiro que
auguraban que no ano 2000 o sistema público ía entrar en déficit.
“Isto non só non se cumpriu, senón que ademais tivo superávit e
o fondo das pensións supera os 60.000 millóns de euros”.
A
CIG defende que o sistema público, que se mantén coas cotizacións
das traballadoras e traballadores en activo, é moito máis
garantista que os sistemas privados. En todo caso, o secretario xeral
advirte que “vai moi vinculado ás políticas económicas que
garanten a creación de emprego e salarios dignos” e subliña que
de se manter así non vai ter problema.
Seixo
explica que se neste intre comeza a ter certo déficit é porque no
estado español hai agora 6 millóns de persoas desempregadas, unha
situación que ten que mudar porque “de seguir así estariamos
condenados ao desastre”.
Alerta
ademais dos riscos que teñen os sistemas privados de pensións, que
son utilizados polas entidades que os subscriben para investir e
especular no mercado financeiro o que pon en risco eses recursos
porque “se sae ben acumúlanse beneficios, pero en tempos de crise
non é así, co que os cartos que se foron destinando a eses fondos,
no canto de aumentar diminúen”.
Para
o secretario xeral da CIG cómpre ser conscientes de que tras deste
debate hai un posicionamento ideolóxico claro por parte das forzas
políticas que defenden este tipo de propostas. “Os sistemas
privados de pensións moven moitos billóns de euros e pretenden
facerse tamén con parte dos recursos que se moven no sistema público
pola vía de xerar incertidume dicindo que non é viábel”.
Outro
dos mecanismos para promover que as traballadoras e traballadores se
acollan a sistemas privados é adoptar reformas que leven a que as
pensións futuras sexan máis baixas e que haxa máis dificultade
para acceder a elas. “Iso é o que hai detrás deste informe e do
debate que se trata de suscitar”, di Seixo que subliña que no
propio informe que dará pé á nova reforma, os propios “expertos”
xa recollen a necesidade de que os traballadores/as destinen os seus
aforros aos fondos privados de pensións.
Factor
de sostibilidade e de equidade interxeracional
Os
elementos que se pretenden introducir nesta reforma son o chamado
factor de sostibilidade e o factor de equidade interxeracional. No
primeiro caso, refírense á pretensión de desvincular do IPC a
revalorización anual das pensións introducindo outros criterios, co
único obxectivo de rebaixar o poder adquisitivo das/os pensionistas.
No
segundo caso, preténdese fixar a contía da pensión temporalmente,
condicionándoa ás expectativas de vida de cada xeración, alén de
vinculala ás cotizacións durante a vida laboral e ao número de
anos cotizados. Isto tradúcese en que a maior expectativa de vida,
de menor contía será a pensión.
A
pretensión é que estes mecanismos comecen xa a aplicarse a partir
do ano 2014 e atendendo a eses criterios, para 2015 a pensión
sufriría unha rebaixa dun 0,7%, e no ano 2050 chegaría a reducirse
nun 18,8%.
Seixo
lembra que do ‘factor de equidade interxeracional’ xa se
falaba no pacto das pensións asinado en 2011 polo goberno do PSOE,
CCOO, UGT e CEOE e mesmo fixábase a súa aplicación a partir do ano
2027.
Ante
isto, o secretario xeral da CIG, que denuncia o apoio descarado de
CCOO a este último informe, sinala que tanto CCOO como UGT xa
asumían a introdución destes criterios.
Cun
panorama como este, Suso Seixo apela á necesidade de dar un debate
defendendo a viabilidade do sistema público, que é o máis
garantista, aclarando que esa viabilidade “pasa por facer políticas
económicas que promovan o reparto da riqueza e a creación de
emprego”. Pide ademais “non caermos na trampa dos seus
argumentos, que responden unicamente aos seus intereses, que se
resumen en aumentar a súa cota de negocio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario