07/08/13

Previsibles solucións a conflitos históricos do persoal laboral do Concello de Betanzos, vaise demostrando que as mentiras, por moito que se repitan, non deixan de ser mentiras

Recentemente algúns representantes do persoal laboral soubemos por compañeiros que o Concello pretende poñerlle fin a unha discriminación histórica en materia de retribucións, o non pagamento dos trienios ao persoal subvencionado. É case normal, que a pesar de que o Comité de Empresa ten denunciado por rexistro en múltiples ocasións esta situación, o Concello non lle comunicase ao propio Comité sen el preguntar polo tema, e dicimos que é case normal porque é ben sabido que darlle a razón aos representantes do persoal e aos propios traballadores non é prato de bo gusto para o Concello de Betanzos, e menos para quen leva anos asesorando e informando para que esta discriminación se perpetuase.

Somos conscientes tamén de que a bondade do Concello non é tal, simplemente é unha resposta a unha situación completamente insostible que está denunciada por rexistro, sobre a que a CIG sacou o tema en todas as Mesas de negociación existentes e que mesmo ficou reflectida no recurso presentado pola CIG aos orzamentos do ano 2012 que foi admitido a trámite polo Tribunal Superior de Xustixa de Galiza. As reclamacións por vía xudicial deste problema retributivo non farían máis que agrandar a carteira de xuízos que en materia de persoal tivo este Concello dende que a CIG ten a maioría no Comité de Empresa e parece, que por fin, está a entrar en razón e decatarse de que as mentiras, por moito que se repitan seguen sendo mentiras.

Mentira n.º 1: o persoal non permanente non ten dereito a días de asuntos propios

Logo de que ao propio secretario do Comité, antes de despedilo, lle denegase por escrito o Concello a través de dúas notificacións o dereito ao desfrute dos días de asuntos propios que lle correspondían, amparado non só polo propio convenio colectivo senón tamén polo mesmo Estatuto do Empregado Público, sobre o que, ao parecer, daquela se informaba que non era de aplicación para o persoal laboral, de súpeto, á terceira foi a vencida e si que o persoal subvencionado tiña dereito a estes días. Cómpre engadir que tamén que isto non lle acontecía a todo o persoal subvencionado e ás veces parecía máis un despropósito de nomes e apelidos que doutra cousa.

Mentira n.º 2: o persoal non permanente non ten dereito a axudas sociais

Dende que entrou este Comité non parou o Concello que segundo o convenio colectivo non era de aplicación ao persoal con contrato ao abeiro de subvención o artigo das axudas sociais e baseándose niso durante anos houbo a quen llas denegaron pola vía da non resposta e houbo quen nin as solicitaba porque xa lles dicían directamente que non tiñan dereito. Por parte da CIG dende o primeiro momento tivemos claro que esa decisión era arbitraria e caprichosa e quen informaba ao goberno municipal de tal non tiña máis que unha vontade de discriminación e crispación, e de gardar os cartiños para un número inferior de traballadores, que sempre daba para máis. Pois unha vez máis, e logo de moitos conflitos, chegaron novos informes que contradicían os de anos anteriores e que amparándose na lexislación existente (a mesma que a CIG mencionada nos seus rexistros) admitían o dereito que todo o persoal laboral do Concello de Betanzos, independentemente do contrato, tiña a acceder ás devanditas axudas.

Mentira n.º 3: o persoal non permanente non ten dereito ao cobro dos trienios

Hai anos que esta mentira está espallada no Concello de Betanzos, e o que é peor que de tanto repetila o argumento de que o persoal subvencionado estaba fóra do ámbito de aplicación no convenio xa se tomaba como normal, de feito ningún persoal afectado denunciou ao Concello por este motivo a pesar de ser plenamente consciente de que estaba a ser discriminado e coidamos que a primeira vez que isto chegou ao tribunais foi nas alegacións presentadas aos orzamentos pola CIG. Aínda así, dende a CIG rexistramos en múltiples ocasións escritos, mesmo argumentando cos propios informes do persoal municipal e denunciamos a inxustiza que isto supuña, máis aínda cando os últimos informes municipais sinalaban o que defendiamos nós, que non se podía discriminar ao persoal en función do súa relación contractual co Concello. Ademais, nos últimos tempos, sempre que o Concello falaba dos informes municipais nas propias Mesas Xerais botabámoslle en cara que os aplicaban cando lle viña en cara e non os usaban para pagarlle os trienios ao persoal que llos adebedaban, a situación chegaba a ser insostible, porque os argumentos eran débiles e sen base.

Logo de todo o acontecido semella, ou cando menos iso di, que o Concello lle vai pagar ao persoal subvencionado os trienios e recoñecer a antigüidade nas retribucións, se finalmente isto é así, tal e como informou o concelleiro de Persoal aos representantes do persoal laboral logo de lle preguntar polo tema, este feito desmontaría a terceira das mentiras sobre este dereito e tería cambiado os informes do persoal municipal nos que tantos anos se levan baseando os distintos gobernos que promoveron e permitiron esta discriminación.


Todo isto vennos a demostrar varias cousas, que todos aqueles que nos dicían que escusabamos loitar sindicalmente porque neste Concello non había amaño estaba equivocados e simplemente pretendían disuadirnos no noso empeño por diversos intereses; que as mentiras, por moito que se repitan, non deixan de ser o que son, mentiras; que os informes cambian, a pesar de que a lexislación non mude, e iso dálles cada día menos credibilidade a quen os fai e a quen se ampara neles, e que, aínda que os resultados non sempre sexan todo o satisfactorios que quixésemos os traballadores temos (aínda) ferramentas legais que podemos e debemos utilizar cando vemos vulnerados os nosos dereitos, por moito que os resultados se vexan a longo prazo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario