Un
xulgado de Palma condenou a cinco empresarios do sector da
construción a un ano de prisión por un grave accidente laboral
acontecido no verán de 2006 nun chalé en obras en Bendinat (Calvià)
no que un obreiro sufriu unha caída dende catro metros de altura que
lle custou a vida.
A
vítima, un oficial de primeira de 49 anos, faleceu no hospital de
Son Dureta pouco despois de ingresar en estado crítico. O operario
precipitouse por un oco dende o primeiro piso ao chan da planta baixa
da vivenda. Sufriu graves lesións como un traumatismo
cranioencefálico e torácico que lle produciron a morte.
O
burato non contaba coas medidas de protección e de seguridade
pertinentes. Ademais, segundo o fiscal, non se utilizaron arneses
ante o risco de caída, xa que non estaban a disposición dos
empregados e tampouco existía un punto de ancoraxe fixa.
Os
cinco imputados, dous construtores, dous promotores e un contratista
dunha empresa de carpintaría, aceptaron onte ante o maxistrado do
xulgado do penal 4 de Palma, Juan Manuel Sobrino, penas que suman un
ano de cárcere por un homicidio imprudente e un delito contra os
dereitos dos traballadores. Esta condena substitúese por unha multa.
Ademais, os cinco empresarios foron inhabilitados para desempeñar a
súa profesión durante o tempo da condena.
O
xuíz apreciou as circunstancias atenuantes de dilacións indebidas,
xa que o sinistro se produciu en 2006, e a de reparación do dano, xa
que os familiares do falecido xa foron indemnizados.
Os
feitos tiveron lugar o 7 de xullo de 2006 nun chalé en obras,
situado na avenida Mallorca de Bendinat, en Calvià. Sobre as doce do
mediodía, dous traballadores estaban sobre unha plataforma metálica
de traballo e uns taboleiros, enriba dun oco, para observar a
perspectiva da tarefa realizada, que consistía no revestimento con
pranchas de madeira do oco do ascensor. Un dos operarios, de 49 anos,
deu uns pasos atrás para mirar mellor o traballo efectuado, de
costas a unha zona que quedara desprotexida. Así, precipitouse por
un oco á planta baixa dende 4,20 metros de altura. Tras as graves
lesións sufridas na caída, a vítima morreu. Os traballadores
anteriormente desmontaran uns valos de seguridade para poder
traballar no lugar.
Fonte:www.cigsaudelaboral.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario