Unha vez máis o Concello de Betanzos incumpre as normas que el mesmo aproba, así o está a facer co propio convenio colectivo do persoal laboral e así llo comunicou o Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, estes días. O Concello, dende que o Comité de Empresa actual foi escollido incumpre sistematimaticamente o seu artigo 19, onde indica que é preceptivo un informe do Comité de Empresa nos casos de mobilidade funcional, tan frecuentes neste Concello, onde o goberno municipal cambia substancialmente as condicións laborais do seu persoal, horarios e lugares de traballo, continuamente e sen nin sequera comunicarlle os cambios por escrito, como é preceptivo, aos propios traballadores. Segundo vimos observando, ademais, este feito non acontece case nunca cos funcionarios, polo que persiste o trato como persoal de inferior categoría para o persoal laboral, sometido a continuos cambios nas condicións laborais sen a existencia da negociación pertinente.
Por todo isto, dende a CIG queremos denunciar publicamente que o Concello de Betanzos está a incumprir o convenio colectivo, non só neste, senón en varios puntos máis, prorrogado polo Pleno por unanimidade, e a pesar de que as decisións tomadas por este organismo parecen non afectar para nada ás decisións do goberno municipal, solicitouse que o Concello de Betanzos cumpra estritamente o Convenio colectivo
do persoal laboral que vén de ser prorrogado por unanimidade polo
propio Pleno do Concello recentemente e lle solicite ao Comité de
Empresa todos cantos informes son preceptivos ao abeiro do artigo 19
e á mobilidade funcional do persoal laboral desta Administración
local, previamente a modificar as condicións laborais dos seus
traballadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario