A Confederación Intersindical Galega presentou nas pasadas semanas un conflito colectivo co Concello de Betanzos para reclamar a parte da paga extraordinaria que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza lle vén de recoñecer ao persoal laboral da Xunta de Galiza.
Tal e como informabamos no pasado mes de novembro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñeceu o dereito a percibir a parte proporcional da paga extra do mes de decembro de 2012 ao persoal laboral da Xunta, polo período do 1 ao 14 de xullo, é dicir, 14 días, posto que o Real Decreto 12/2012 entrou en vigor o 15 de xullo de 2012.
Ante esta situación e tendo en conta que as reclamacións para o persoal laboral teñen un prazo dun ano dende a CIG interpúxose o conflito colectivo coa idea de que o dereito recoñecido ao persoal laboral da Xunta poida ser estendido, neste caso, ao persoal laboral do Concello de Betanzos.
O conflito colectivo é, en termos legais, unha manifestación de discrepancia por razóns laborais entre empresarios e traballadores, neste caso entre o Concello de Betanzos e o persoal laboral ao seu servizo polo non pagamento deses catorce días correspondentes á paga extraordinaria do ano 2012.
Dende a Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos decidimos promover este conflito colectivo ante a pasividade do goberno municipal logo de saír a sentenza favorable ao persoal laboral da Xunta de Galiza, posto que noutros concellos houbos gobernos que aplicaron directamente a sentenza e devolvéronlle os seus cartos ao persoal laboral mentres que en Betanzos sempre temos que acudir aos xulgados e ás autoridades laborais para poder ir avanzando aos poucos e conseguindo dereitos que compañeiros doutras Administracións xa teñen. Non obstante, xa sabemos cal é o camiño que debemos seguir para ir avanzando paseniñamente e non trememos en ningún momento á hora de tomarmos decisións coma esta que poden redundar no beneficio de todo o colelctivo do persoal laboral do Concello de Betanzos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario