08/12/13

Horas extraordinarias, o eterno problema do persoal do Concello de Betanzos

O Concello de Betanzos obriga ao seu persoal a realizar un número excesivo de horas extraordinarias, isto vén demostrado non só porque haxa bastante persoal que chega anualmente ao tope das 80 permitidas pola lexislación, senón porque a haxa un mes que practicamente estea esgotada unha partida de horas extraordinarias que segundo informa o concelleiro de Persoal é de cincuenta mil euros anuais.

A pésima organización do persoal do Concello, unido a unha Relación de Postos de Traballo do ano 2008, que non se corresponde coa situación actual xa só a comezar polas prazas do persoal que se xubilou, que superan as vinte nestes últimos anos, provoca que moito persoal realice traballos fóra da súa xornada laboral normal e non as teña recoñecidas entre as súas funcións da RPT, aínda que o Concello practicamente o obrigue a realizalas, é o caso do persoal de limpeza de rúas, dalgún conserxe e persoal de oficios e técnico e diferentes departamentos do Concello. O peor de todo isto é que na RPT que o Concello pretendía aprobar no ano 2012 nin sequera pretendía darlle solución a estes problemas e seguía teimando en erros do pasado.

Este ano a situación agravouse porque en novembro o Concello practicamente esgotara a partida orzamentaria destinada a este fin mais o propio concelleiro de Persoal seguía solicitando traballos extraordinarios e enganando abertamente ao persoal dicíndolle que os ían cobrar, actitude que consideramos totalmente vergoñenta por parte do delegado de Persoal, máis aínda cando o persoal laboral realiza traballos extraordinarios cando non estaría obrigado a facelo, posto que as únicas horas extras obrigatorias son as de forza maior, e o Concello págallo con mentiras e trato desigual. En múltiples ocasións o Comité de Empresa preguntoulle ao Concello polos criterios de compensación en tempo ou en cartos das horas extras e este non llos dá aclarado, o motivo polo que se ten preguntado por isto é porque, ata o momento, estes criterios non son públicos e o Concello discrecionalmente págalle as horas a quen estima oportuno e obrígalle a compensalas en tempo a quen non lle debe encher tanto o ollo, porque outro motivo non hai.

Entre as solicitudes do Comité con respecto ás horas extras tamén se ten preguntado porqué hai persoal ao que se lle pagan gratificacións e a outros horas extras, algo que podería parecer insignificante mais que para nada o é dende o momento en que nas gratificacións non se comtempla o número de horas e coidamos o Concello está utilizando estas encubertamente para obrigar a algún persoal a realizar máis de oitenta horas anuais, non habería outra explicación racional para que haxa persoal ao que neste ano 2012 se lle pagaron máis de dez mil euros entre horas extraordinarias e gratificacións, algo que consideramos que en traballo é humanamente imposible, nin sequera duplicando a xornada laboral diariamente ao longo de todo o ano e saltándose á toureira o Concello a lexislación laboral relativa á xornada.

Coma sempre, seguimos á espera de resposta e as que recibimos verbalmente son amplamente insatisfactorias, mais en todo caso, unha grande parte do traballo deste Concello estase asentando na realización das horas extraordinarias e iso é un grave problema porque o persoal non ten porqué facelas, só as tería que facer se fosen por causa de forza maior que como se contempla no Estatuto dos Traballadores son as que se corresponden con traballos de natureza extraordinaria e en ningún caso os que teñan que ver coa prestación ordinaria dun servizo, e ata o momento, varrer as rúas, abrir os edificios municipais, sacar a pasear a lancha do Concello ou enterrar os defuntos non son traballos que corresponden a situacións extraordinarias, senón que forman parte das prestacións ordinarias dos servizos. Así mesmo, se na RPT houbese algún posto de dedicación especial, entenderíase que houbese compañeiros que estean pendentes do teléfono fóra do horario laboral, mais de non ser así o Concello, cando fixo a estruturación dos postos considerou que isto non era necesario por iso parece duplamente hipócrita solicitarlle ao persoal que realize continuamente horas extraordinarias que non son de forza maior.

En todo caso, a solución para o persoal é doada, lembrar que as horas extraordinarias non son de obrigada realización, se o propio goberno, cando organiza o persoal a través dunha RPT non contempla nesta postos que teñen especial dedicación, nin persoal que debe traballar en festivos nin fóra da xornada en ningún caso é que non o considera necesario, e, en todo caso, quen goberna é quen decide estas cuestións, os traballadores abondo temos nesta cuestións con coñecermos os nosos dereitos e cumprirmos a nosa xornada laboral, é máis, moitas veces se lle teñen proposto alternativas e solicitado dende o Comité de Empresa que se lle poña fin a esta situación e o goberno municipal fai caso omiso ás demandas dos representantes dos traballadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario