31/01/14

Unha espera que se volve eterna, pasan os anos e demóstrase a falta de vontade para que todos os traballadores sexamos tratados por igual

O Comité de Empresa vén de solicitar, como xa fixera en setembro de 2011 e o Concello ignorou, que se reúna a Comisión de Seguimento do Convenio colectivo, que é o órgano que ten a función de interpretación do convenio colectivo na súa aplicación práctica.

Esta Comisión, que como o propio convenio indica se debeu ter constituído aos 15 días da aprobación do convenio colectivo hai xa oito anos, non foi reunida en ningunha ocasión, cando menos, dende xuño de 2011 que é cando a CIG chegou ao Comité de Empresa. Xa daquela o Comité instou ao Concello a reunila porque estaba facendo unha interpretación unilateral do convenio  e hoxe, no 2014, o problema segue a ser o mesmo. A empresa pretende interpretar un convenio sen ter en conta á outra parte coa que o asinou e o que é peor, incumprindo o texto co que estaba de acordo, e que aínda ratificou recentemente no pleno neste pasado verán do ano 2013.

Nun principio, o concelleiro de Persoal indicoulle no 2011 ao Comité que non se reunía porque xa ía haber un novo convenio, mais dous anos despois e logo de que o Concello paralizase a negociación durante este pasado ano era necesario solicitar que se reunise este organismo. O problema é o de sempre, e vén derivado das cláusulas de varios dos contratos ao abeiro de subvención realizados nos pasados meses polo Concello de Betanzos, sobre os que o Comité xa rexistrou varias solicitudes que na actualidade están sen resposta, a día de hoxe a unha parte do persoal deste Concello non se lle recoñece o dereito ao cobro da paga extra completa, ou a parte proporcional segundo corresponda, parece que simplemente amparándose no tipo de contrato, o que non sería só manifestamente discriminatorio senón tamén contrario ao convenio que con respecto á paga extraordinaria recolle o seguinte:

"Art. 22.º.-Pagas extraordinarias.
Todo o persoal terá dereito a duas pagas extraordinarias que se abonarán co salario mensual de xuno e dicembro. 
A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario segun o artigo anterior, prorrateado polo tempo de servicio prestado.

Recoñecese para o persoal laboral, o incremento nas pagas extraordinarias, previsto no Acordo de modernización e mellora Administración -Sindicatos, de 15 de novembro de 2002 (BOE do 18), na contía determinada no capitulo XIX, do titulo VI, adaptándose as categorías do presente convenio segun se dispon no anexo y. Este incremento verase incrementado anualmente segun corresponda na ley de presupostos."

Hai que lembrar tamén que a Lei do Estatuto de Traballadores no artigo 15.6 indica o seguinte, e coa discriminación que este concello perpetúa podería estar incumprindo esta Lei:

"Os traballadores con contratos temporais e de duración determinada terán os mesmos dereitos que os traballadores con contratos de duración indefinida, sen prexuízo das particularidades específicas de cada unha das modalidades contractuais en materia de extinción do contrato e daquelas expresamente previstas na Lei en relación cos contratos formativos. Cando corresponda en atención á súa natureza, tales dereitos serán recoñecidos nas disposicións legais e regulamentarias e nos convenios colectivos de xeito proporcional, en función do tempo traballado."

O Comité, por iniciativa da CIG, rexistrou a solicitude, agora está na man do Concello amosar a vontade de diálogo que tanto predican ou seguir impoñendo os seus criterios en detrimento dalgúns traballadores laborais deste Concello.


Ningún comentario:

Publicar un comentario