A
finais de ano sempre cómpre recapitular e facer balanzo de acertos
e erros cometidos para continuar o camiño, o certo é que nestes
anos os delegados e delegadas da CIG teñen pasado moi malos momentos
por coñecer tan de perto as inxustizas, ser quen de comprendelas ao
ter un coñecemento xeral da situación do persoal laboral e tentar
combatelas diante dun goberno estancado no inmobilismo e con moi
poucas ganas de traballar e moito menos de mellorar a situación do
persoal laboral; o que temos idos conseguindo aos poucos ten sido con
moito traballo e batendo contra os muros de información laboral que
sempre rodearon a área de persoal neste Concello.
Algo
que case tres anos despois consideramos sumamente decepcionante é
que este goberno municipal entrase falando de diálogo co persoal e o
rompese aos poucos días nas Mesas Xerais de Negociación ou ao ano
tentando aprobar unha Relación de Postos de Traballo non negociada
co conxunto dos traballadores, se a isto lle sumamos que o resto dos
sindicatos con representación no Concello non perden ocasión para
poñerse de parte dun Concello que simplemente pretendía un
continuísmo na política laboral do Concello de Betanzos o panorama
semellaba realmente desalentador. Mais o que sempre nos deu folgos
foi o apoio dos compañeiros, e ver como o acceso á información
laboral e sobre os dereitos de cada traballador era algo fundamental
para tentar romper a brecha que distanciaba, en moitos casos, ao
persoal de oficinas fronte ao persoal de oficios, simplemente pola
proximidade ao centro de información laboral.
A
día de hoxe é xa unha realidade que todo o persoal laboral do
Concello de Betanzos é igual canto ao cobro da antigüidade, o
acceso ás axudas sociais ou o
dereito ao desfrute dos días de asuntos propios entre outras cousas; por primeira vez,
tamén, o Concello despediu a varios compañeiros e non ficou impune,
porque tivo que readmitilos por sentenza xudicial. Mais todos estes
avances e moitos outros non quitan que o Concello siga pensando que
non todos somos iguais, á vista esta que a subvención do antigo
GRUMIR desapareceu e o Concello mantén de xeito ilegal eses postos
de traballo, cando só un ano antes botara 12 compañeiros na mesma
situación ou mesmo hai menos dun mes despediu á compañeira que
traballaba na Aula Cemit pola finalización da subvención,
efectivamente o alcalde pensa que non todos somos iguais e o demostra
con este tipo de feitos, mais iso non quita que sempre que nós
sexamos coñecedores dos nosos dereitos, poidamos denunciar as
discriminacións existentes, por moito que intenten calarnos e
reprochar continuamente a información que ofrecemos aos
traballadores.
É
aínda moito o camiño que nos queda, agardamos que este ano, a pesar
de que xa foi denunciado no 2011 e que a Comisión de Negociación do
Convenio leva máis dun ano sen reunirse, sexa no que fin todo se
regule a través dun novo convenio, un novo convenio onde a
definición dos conceptos retributivos do persoal laboral non poida
dar lugar a perversas interpretacións que desembocan en salarios
desiguais entre persoal dos mesmos grupos profesionais, ou que se
distribúa a roupa de traballo en igualdade de condicións, porque
todos os departamentos teñen o seu oco nese convenio e que regule os
dereitos sobre xornada e horarios de xeito que todo o persoal sexa
tratado en igualdade de condicións.
Outro
grande cabalo de batalla será a nova Relación de Postos de
Traballo, porque unha RPT do ano 2008 no ano 2014 non é beneficiosa
para ninguén, ou quizais si para os gobernos que pasaron polo
Concello dende aquel 2008 porque non hai senón outra explicación
posible para semellante desastre. O grande desafío dunha nova
Relación de Postos de Traballo vai ser valorar por igual todas as
prazas que se corresponden cun posto, porque un posto de traballo é
igual a unha valoración e, por tanto, esa valoración deberá ser
igual en todas as prazas que se corresponden cun posto de traballo;
por exemplo, auxiliar administrativo é un posto, varredor de rúas é
outro posto, cada un deses postos ten diversas prazas na RPT, mais
todas esas prazas deben ter a mesma valoración no complemento
específico porque se corresponden cun só posto, é doado, igual
traballo, igual salario. A maiores, é obvio, se se observa a RPT do
ano 2008 que non existiu ningún baremo nin método de valoración
obxectivo cando o goberno municipal outorgou uns complementos
específicos aos funcionarios moi superiores aos do persoal laboral
mesmo en casos de semellantes postos de traballo... ou en que cabeza
colle senón que cobren máis complemento específico auxiliares
administrativos que persoal técnico ou que cobre máis complemento
específico un peón que outro por desenvolver idéntico traballo?
É
certo que hai tarefas que parecen demasiado complicadas mais iso
sempre baterá cos nosos folgos por mellorar a realidade do persoal
laboral do Concello de Betanzos, porque tamén son moitos os que
durante o primeiro ano tentaron desanimar e desmoralizar con
informes, chamadas e recados mais non desistimos e o tempo deunos a
razón nalgunhas cousas, aos poucos e pasiño a pasiño, mais así é
como se fai o camiño, e mentres os compañeiros e compañeiras do
Concello estimen que somos útiles para defender os seus dereitos,
dende a Sección sindical do Concello de Betanzos comezaremos este
novo ano de loita sindical coa forza necesaria para tentar seguir
cumprindo o programa co que nos presentamos ás eleccións sindicais
alá por maio do ano 2011.
Ningún comentario:
Publicar un comentario