10/02/14

A Alianza Social Galega convoca mobilizacións “Por outra saída da crise” para o vindeiro día 27 de febreiro

A Alianza Social Galega convoca protestas o 27 de febreiro en varias localidades galegas baixo o lema “Por outra saída da crise”, buscando unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen os gobernos galego e español. Así o anunciaron os secretarios xerais da CIG, Suso Seixo; de UGT, José Antonio Gómez; e de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, que compareceron este xoves en rolda de prensa acompañados de representantes doutras organizacións que integran a plataforma.

Os representantes da Alianza Social Galega subliñaron que nunha conxuntura con 271.500 persoas en situación de desemprego e case co 45% que carecen de coberturas, o Goberno da Xunta presenta un Orzamento que non contén medida ningunha para reactivar a actividade económica e o emprego.

Denunciaron que os gobernos de Rajoy e Feijoo impoñen cada día novos e constantes recortes, entre os que salienta unha reforma laboral estéril e moi prexudicial para os traballadores, cun novo paquete de medidas que flexibiliza e desregula o contrato a tempo parcial; recortes nas pensións; retrocesos no ensino público; agresións á sanidade pública; paralización e marcha atrás na aplicación da Lei de Dependencia; privatización dos servizos públicos municipais; un ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres; a implantación dun estado policial coa reforma da Lei de seguridade cidadá e do Código penal; a reforma da Lei hipotecaria, insuficiente e que non contén solucións estruturais; un conxunto de políticas que van cara a desertización do rural e destrución do medio; e o progresivo desmantelamento da política pública de cooperación ao desenvolvemento.

Ante esta crítica situación, a Alianza Social Galega fixo un chamamento ao conxunto da sociedade para que saia á rúa masivamente a manifestar a súa oposición a estas políticas e a reclamar outras máis xustas e solidarias que beneficien ao conxunto das galegas e galegos e non só a aqueles que provocaron a crise.

A este respecto, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, sinalou que esta mobilización promovida pola Alianza Social Galega ten tamén o obxectivo de facerlle ver á cidadanía que “non se pode deixar enganar polas mentiras permanentes do PP coas que disfrazan de forma continuada a realidade”.

Asegurou que por mor das políticas do PP a estas alturas o único que temos é “perda de dereitos laborais, perda de liberdades públicas, deterioro dos servizos públicos provocado polos recortes e deterioro dos sectores básicos da nosa economía: o agro, a pesca, a industria...”.

Alertou dos índices de desemprego “alarmantes e históricos” nos que nos atopamos e denunciou que malia levar xa 5 anos inmersos nesta crise segue a se destruír emprego. Por iso asegurou que “é unha mentira” que o 2014 vaia ser o ano da recuperación e da creación de emprego e que o PP pretende así agochar as consecuencias “tan graves” que están a ter para a maioría da poboación. “Os que están saíndo da crise son os que a provocaron e os que nunca tiveron problema. A banca, as multinacionais e os especuladores están obtendo importantes beneficios grazas á crise e é o sector para o que realmente está a gobernar o PP”.
Ante isto, reiterou o chamamento á mobilización, para exixir outras políticas, mais tamén a desprazar ao PP das institucións porque, dixo “as converteu nun niño de corruptelas para beneficio persoal e dos grupos económicos que os apoian”. “Ou eliminamos e esta corruptela encabezada polo PP, ou  realmente o que nos espera é moito tempo de crise, de perda de dereitos e de deterioro das nosas condicións laborais e da nosa calidade de vida”, concluíu.

As mobilizacións terán lugar nas sete cidades, o día 27 de febreiro contra as 20:00 horas. Segundo se adiantou na rolda de prensa, a Alianza Social Galega intentará que se convoquen tamén mobilizacións en vilas pequenas que aínda están por confirmar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario