A
central sindical vai desenvolver nos próximos meses un intenso
traballo de divulgación social e institucional do contido da súa
iniciativa lexislativa popular
A
campaña polo Emprego que a CIG está a desenvolver vén de iniciar a
súa segunda fase. Logo da admisión a trámite na Mesa do
Parlamento, a central sindical comeza agora a recollida das 15.000
sinaturas que se necesitan para levar a debate político a Iniciativa
Lexislativa Popular de medidas para a creación de emprego en Galiza.
Unha ILP que este venres foi presentada en rolda de prensa polos
Secretarios das distintas Unións Comarcais da CIG.
Até
principios do mes de abril (data límite para a entrega das
sinaturas), a CIG vai desenvolver un intenso traballo de divulgación
do contido da ILP tanto nos centros de traballo, con debates nas
empresas, reunións con delegados/as e Comités; como nas rúas, a
través de actos abertos ao conxunto da cidadanía. Así mesmo,
explica o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, estase a elaborar
unha moción para remitir aos grupos e forzas políticas municipais,
co obxectivo de que o texto sexa apoiado polas corporacións locais.
Mediante
estas accións, a CIG quere achegar a maior parte da cidadanía
galega o contido da Iniciativa e demostrar que “si é posíbel
facer outro tipo de políticas distintas que favorezan o crecemento
económico e a creación de emprego”. Neste senso, a ILP recolle un
ampla abano de medidas (até 100 propostas) referidas á política
industrial, fiscal, financeira, enerxética, medioambiental, laboral,
etc.
Desta
última materia, Seixo destacou a proposta de reducir a xornada
laboral no camiño da conquista das 35 horas semanais, como medida de
reparto do traballo, e o fomento de políticas de rendas que garanta
uns salarios dignos. A ILP, continúa, tamén recolle un capítulo de
medidas expresamente dirixidas ao colectivo de persoas sen emprego,
coa solicitude de creación dunha renda de inserción laboral para
todos os traballadores/as en situación de desemprego que non cobren
outro tipo de prestación pública.
Durante
estes catro meses, ademais de recoller as 15.000 sinaturas que se
precisan como mínimo, a CIG pretende facer un traballo na sociedade
de divulgación do contido da ILP e de xerar expectativas a respecto
de que hai alternativas á crise e á perda de emprego. “Se estas
alternativas non se aplican por parte do Goberno español e da Xunta
de Galiza, é porque as políticas económicas, laborais e sociais
que están a facer van máis pensadas en favorecer os intereses dunha
minoría -a oligarquía financeira e o gran capital-, que en
favorecer os intereses da maioría social”, denunciou o Secretario
Xeral da CIG.
Seixo
agarda que finalmente se dea o debate desta batería de medidas no
Parlamento galego e aínda tendo presente que a relación de forzas,
cunha maioría absoluta do Partido Popular, fai difícil que o
contido da ILP sexa aceptado, é importante que se debata sobre esta
problemática na institución onde se lexisla e onde están os
representantes das principais forzas políticas, electos pola
cidadanía. Ademais, insistiu na necesidade de debater sobre as
causas económicas e políticas que motivan o paro estrutural que
padece o noso País desde sempre e abordar cales son medidas para
combatelas.
“Se
non se lexisla no Parlamento de Galiza na orientación política,
económica e social que aparece na ILP é porque o PP non goberna
pensando na defensa dos intereses de Galiza e das súas clases
populares. Entre os moitos exemplos disto, o último témolo no
espolio que se vende de cometer coa entrega de Novagalicia Banco, a
prezo de saldo, a unha entidade financeira privada, cun custo enorme
para o erario público e deixando a Galiza sen unha entidade
financeira propia, fundamental para a economía do País e o seu
autogoberno”, concluíu Seixo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario