05/03/14

A afiliación á Seguridade Social cae en Galiza en 6.299 persoas con respecto a febreiro de 2013

O tímido descenso do paro non consegue paliar a perda de activos/as e ocupados/as


O paro rexistrado descendeu en Galiza, no mes de febreiro de 2014, en 1.006 persoas, situando a cifra total de desempregados/as en 280.071 persoas. Isto é un 0,36% menos que no mes de xaneiro e un 4,35% menos que no mesmo mes do ano pasado. Porén, malia haber unha caída do desemprego respecto do mes anterior e mesmo respecto do mesmo mes que en 2013 hai tamén unha importante caída interanual da afiliación á Seguridade Social. Unha situación que a central sindical atribúe á desesperanza das persoas desempregadas e, sobre todo, á emigración.

Nun contexto de creación de emprego o normal sería que se incrementara o número de persoas afiliadas á Seguridade Social. Fronte a isto, a afiliación caeu en Galiza en 6.299 persoas respecto do mes febreiro de 2013. Isto implica que nin o tímido descenso do paro, nin o tímido incremento de afiliacións á Seguridade Social (0,18%) que se produce con respecto ao mes de xaneiro, conseguen paliar a perda de persoas ocupadas, activas e afiliadas á Seguridade Social.

Para o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, esta aparente contradición explícase por dúas razóns fundamentais: o desencanto, que leva ás persoas paradas de longa duración e que xa non cobran ningún tipo de prestación a deixar de se anotar nas listas de desemprego e á emigración, que explica, á súa vez, tanto a caída de activos/as, como a caída de afiliados/as á Seguridade Social.
Tampouco é máis esperanzador o panorama se se analizan os datos atendendo ao tipo de contratos rexistrados. E é que no mes de febreiro asináronse 45.525 contratos, 10.720 menos que no mes anterior (-19,06) pero 11.005 máis que en febreiro do ano pasado (9,36% máis). O grave é que 41.117 foron temporais e tan só 4.408 indefinidos. “Mantense a temporalidade e, en consecuencia a precariedade. O emprego que se crea é de peor calidade e ademais con menos dereitos”, afirma Malvido.

A isto cómpre engadir que a finais do mes de xaneiro non cobraban prestación algunha 126.948 desempregados/as. Isto, xunto co recorte de prestacións sociais sitúa nunha crítica situación a estas persoas ás que de non dar unha solución se aboca á pobreza e á exclusión social.

No seu conxunto os datos constatan o enorme deterioro ao que chegou o mercado laboral e obrigan a acender as alarmas, porque “de non se producir un xiro nas políticas económicas e laborais que permita a creación efectiva de emprego digno, estase a pór en xogo non só o presente de Galiza, senón tamén o noso futuro como país”, sinala Malvido.

O secretario confederal de Emprego entende que esta situación xustifica por si soa a ILP polo Emprego que a CIG levará ao Parlamento de Galiza. “As medidas que nela se recollen permitirían darlle a volta a esta situación, favorecer a recuperación económica e posibilitar a creación de emprego”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario