24/03/14

HORAS EXTRAS E PRIVATIZACIÓN A CAMBIO DE NON CONTRATAR PERSOAL NOS SERVIZOS BÁSICOS

Ao longo destes últimos tempos, a CIG leva posto en coñecemento da Administración a delicada situación que padecen na actualidade algúns dos servizos básicos pola negativa do Concello a cubrir as baixas tanto de longa coma de curta duración e que repercute directamente nos propios traballadores do servizo. Desta volta, e ante a mesquindade dun Concello que teima en explotar ao persoal a base de continuos cambios de condicións laborais que o someten a un continuo extrés e que repercute directamente na súa saúde, temos que destacar a solicitude por parte da Administración de que certas traballadoras de limpeza de edificios realicen horas extras para cubrir o traballo das persoas que o Concello necesita e que se nega a contratar. É dicir, primeiro elimínase prazas ao non convocar as vacantes, logo, despídese ao persoal, tal e como vimos nos dous anos anteriores, e agora pídeselle aos poucos traballadores que quedan que repartan as horas extras para poder manter as instalacións do colexio nunha condicións decentes.

A deficiente xestión do servizo de limpeza de edificios levada a cabo polo concelleiro de Persoal, Diego Fernández, coa axuda do propio alcalde instalado na pasividade ante os problemas reais do día a día do persoal, que pretende cun número inferior de efectivos reais que hai uns anos prestar os mesmos servizos como Concello e quedar ben con todo o mundo, lembremos que mesmo ata hai pouco con fundacións privadas, xa foi posta en evidencia en varias ocasións polo propio Comité de Empresa, que lle preguntou polas vías de saída que lle daría a este problema, a resposta non existe, as ganas tampouco e a preocupación pola situación non saben nin o que é. A solución que dan agora ao persoal é pedirlle de favor que realice horas extras para cubrir os servizos, algo moi comprensible vindo dun partido obreiro, é dicir, a redución de postos de traballo súplese coa explotación do persoal que temos. No propio Departamento de limpeza outro grave problema é o de limpeza viaria e a falta de efectivos, que na última década se ten reducido á metade do que era pola negativa a cubrir ás xubilacións da propia Administración, o que supón que estes operarios estanse vendo saturados debida á magnitude do traballo para poder cubrir as necesidades dunha vila que medrou en extensión nos últimos tempos e ante a pasividade dun Concello que teima en non contratar persoal.

A esta situación tan delicada hai que sumarlle o abandono do cemiterio municipal provocado pola negativa do Concello a cubrir as baixas motivadas polas dúas xubilacións do persoal que tiña estes postos na Relación de Postos de Traballo en vigor e a pretensión de amortización das prazas deste servizo por parte do Concello aínda hai escasos meses o intento fracasado de aprobar unha nova RPT. O Concello de Betanzos, á vista dos feitos, non considera básico o servizo do cemiterio mais teima en derivar cara a el a compañeiros que non teñen ese posto de traballo, como aconteceu cun compañeiro do anterior GRUMIR despedido e aínda en espera de sentenza por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que a pesar de ser peón do servizo de emerxencias dedicábase unica e exclusivamente ao atendemento das funcións propias dun cemiterio municipal e que o Concello teima en non desistir da decisión tomada de despedilo hai dous anos, a pesar de acumular xa sete sentenzas por despedimento improcedente. Para colmo, na actualidade o Concello avanza no camiño da privatización e a destrución do emprego público posto que somos coñecedores que no cemiterio municipal non hai un só empregado municipal e moito nos tememos, a pesar de que non teñamos constancia da existencia dun contrato administrativo, que o traballo realizado antes por empregados municipais é agora desempeñado por persoal dunha empresa privada.


Dende a Sección sindical da CIG lamentamos fondamente o camiño de privatización que dende hai varios anos se iniciou neste Concello e que mesmo o ano pasado supuxo a contratación de persoal dunha empresa privada de apoio en festas mentres se negaban a cubrir as baixas de limpeza e da Escola Infantil Municipal, e que a día de hoxe se traduce na privatización parcial do servizo de axuda a domicilio, da xardinaría ou do asesoramento técnico ao concelleiro de Persoal, e cada vez un máis longo etcétera, sendo coñecedores de que os servizos públicos sempre son befenicio para toda a cidadanía, mentres que os privados só para uns poucos. Instamos ao goberno municipal, e ao seu máximo responsable, o alcalde, que ante a delicada situación que están a padecer determinados servizos públicos do Concello de Betanzos, que deixe de aplicar e ampararse nas políticas laborais de destrución de emprego público do PP que tanto critica noutras esferas e que logo teima en aplicar nos seu propio Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario