06/04/14

A caída da afiliación á Seguridade Social enturba de novo a evolución do desemprego en Galiza


A caída da afiliación á Seguridade Social vén de enturbar novamente a evolución do desemprego en Galiza. O noso país rematou o mes de marzo con 276.463 parados/as rexistrados/as nas oficinas do SEPE, o que supón un 1,29% menos (3608 persoas) que en febreiro e un 5,06% menos con respecto a marzo do ano anterior (14.724 parados/as menos). Mais o número de afiliados/as á Seguridade Social caeu un 0,4% con respecto a marzo do 2013 (arredor de 4000 persoas).

Deste xeito, o acusado descenso do desemprego interanual rexistrado en Galiza en marzo contrasta cos datos de afiliación á Seguridade Social, xa que reflicten unha caída media da afiliación con respecto ao mesmo mes de 2013 do 0,4% (arredor de 4000 afiliados/as menos).
Para o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, esta aparente contradición explícase por dúas razóns fundamentais: o desencanto, que leva ás persoas paradas de longa duración e que xa non cobran ningún tipo de prestación a deixar de se anotar nas listas de desemprego e á emigración, que explica tanto a caída de activos/as como a de afiliados/as á Seguridade Social.
Outro dato preocupante é a evolución da taxa de cobertura dos desempregados/as. Neste caso, en febreiro tan só o 54,1% dos parados/as percibía algún tipo de prestación. A pesar de que xa se trata dunha cifra moi baixa, non para de descender xa que no mes de xaneiro a taxa era de 54,8%, o que supón un descenso de sete décimas nun só mes.
Así mesmo, os datos de contratación amosan un mes máis a elevada temporalidade dos traballadores/as que atoparon un emprego en marzo, xa que segundo o SEPE dos 51.055 contratos rexistrados nas súas oficinas neste mes só o 9,4% se asinou baixo algunha das modalidades de contratación indefinida.
Outras datos
Con respecto á media estatal, o descenso foi superior tanto a nivel mensual (-0'35% no conxunto do Estado) como interanual, xa que na media estatal o descenso foi do 4,75%.
Por sectores, o noso país tamén tivo un mellor comportamento que a media estatal. O maior descenso produciuse na Construción, cun 3,87% menos; a continuación situáronse a Industria (-1,3%) e o sector Servizos (-0,89%). No que respecta ao conxunto do Estado, a baixada na Construción foi dun 2,16%, na Industria do 1,1% e en Servizos do 0,7%. 
ILP polo emprego
No seu conxunto, os datos constatan o enorme deterioro ao que chegou o mercado laboral e obrigan a acender as alarmas, porque “de non se producir un xiro nas políticas económicas e laborais que permita a creación efectiva de emprego digno, estase a pór en xogo non só o presente de Galiza, senón tamén o noso futuro como país”, sinala Malvido.
Finalmente, o secretario confederal de Emprego entende que esta situación xustifica por si soa a ILP polo emprego que a CIG está a promover e cuxas sinaturas de apoio foron entregadas hoxe mesmo no Parlamento galego. “As medidas que nela se recollen permitirían darlle a volta a esta situación, favorecer a recuperación económica e posibilitar a creación de emprego”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario