Son
moitos os compañeiros e compañeiras que nos preguntan sobre os días
de libre disposición que nos corresponden para este ano 2014. Estas
dúbidas, como é normal, veñn motivadas porque nos últimos anos a
lexislación foi mudando para nos quitar dereitos e, a maiores,
porque a solicitude que o Concello nos facilita está máis que
obsoleta e contén grandes diferenzas con respecto aos permisos a que
temos dereitos na actualidade. En varias ocasións tanto por escrito
como verbalmente lle trasladamos este problema ao concelleiro de
Persoal para que simplemente o Concello actualizase o modelo de
solicitude que hai un tempo repartiu polos departamentos, mais polo
visto este traballo é demasiado complicado e apuntouno entendemos
que coa idea de facer algo, aínda que estamos empezando a pensar que
cando o concelleiro de Persoal apunta algo débeo facer nunha berza e
darlla de comer ao coello porque nunca máis sabemos nada máis do
tema.
Ben,
na actualidade, segundo o EBEP, aplicado ao persoal laboral do
Concello de Betanzos na súa totalidade (segundo pensamos, porque ata
hai pouco era "para ti si e para ti non") correspóndennos
4 días de asuntos propios para o ano 2014. A maiores, quen non
desfrutou o día que recuperamos a finais de decembro de 2013, tería
5, un deles, este último, tería como prazo máximo de desfrute ata
o 30 de decembro (que na resolución pon 31 mais non o entendemos
porque segundo convenio é non laborable) e os outros catro poderían
desfrutarse, coma sempre, ata o vindeiro 15 de xaneiro.
Ademais
destes días, a CIG solicitou que o Concello compense dous festivos
nacionais con dous días máis de asuntos propios tal e como a
Dirección Xeral da Función pública resolveu para os traballadores
ao servizo da Xunta de Galiza a comezos do pasado mes de marzo e o
concelleiro de Persoal indicou que en principio non habería problema
en acceder ao solicitado, non obstante, mentres o Concello non
publique unha resolución ao respecto non temos este dereito. Por
parte da CIG xa lle insistimos ao goberno municipal da importancia de
non demorar a concesión deste dereito para que o persoal e os
departamentos se puidesen planificar do mellor xeito posible.
Tamén
no pasado mes de marzo publicouse en diversos medios que o ministro
de Facenda devolvería este ano 2014 outro máis dos días que nos
roubaron no ano 2012, mais isto parece ser que virá da man dunha
modificación normativa que a día de hoxe aínda non se fixo e non
está en vigor, non sería raro que, como o ano pasado, se fixese ás
presas, correndo e no último momento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario