A lamentable situación dalgún persoal do Concello, motivada pola falta de traballadores, a negativa a cubrir baixas e vacantes e o mantemento de privilexios dalgún persoal sobre outro agrava día a día os problemas laborais nesta Administración. Ante esta situación son moitas as ocasións en que os representantes do Persoal intentan expoñerlle os problemas ao concelleiro correspondente, neste caso Diego Fernández, que se presenta cunha actitude de total pasividade logo de tres anos sen resolver algúns dos problemas históricos de persoal neste Concello. Resulta penoso dirixirse a un concelleiro que non ofrece solución a nada, que non dá resposta a nada e que nin sequera ten coñecemento do que se coce neste Concello na área de Persoal, pero máis penoso aínda que que os representantes dos traballadores o informemos dos problemas na súa propia área é que unha vez que é coñecedor mire descaradamente a outro lado.
Desta volta, e van tropecentas así, o Concello decidiu unilateralmente cambiarlle o horario a unha compañeira dun día para outro e sen sequera informala por escrito, é dicir, nun só paso infrinxiu o artigo 41 da Lei do Estatuto dos Traballadores e mais o artigo 19 do Convenio colectivo, sen meternos xa en cuestións de conciliación laboral e familiar que tanto predica co Plan de Igualdade e que logo tira por terra na súa política laboral. O que esta claro é que este é un problema específico do persoal laboral porque non nos consta que a un funcionario lle cambiasen o horario de traballo con este procedemento. Cando coa traballadora afectada nos diriximos ao concelleiro de Persoal a actitude dunha pasividade total e absoluta déixanos perplexos e máis aínda cando o propio concelleiro é coñecedor e admite que o procedemento non se seguiu.
O problema non é puntual, é repetido no tempo, o Concello, a pesar de que a lexislación llo permite, négase a cubrir as baixas no departamento de limpeza e isto motiva unha continua mobilidade dalgún persoal, só dalgún, porque como se sabe "ata para isto hai que ter sorte neste Concello". O problema da limpeza de edificios está agravado porque non todas as traballadoras de limpeza desempeñan o traballo en limpeza e isto tamén provoca as queixas das traballadoras deste sector, discriminadas explicitamente dende o momento que non todas desempeñan as funcións propias do posto de traballo, e dependendo de quen sexas podes ser destinado a outro posto de traballo sen solicitar a segunda ocupación, tal e como legalmente é preceptivo, isto motiva malestar no sector e máis agora co aumento de carga de traballo derivado de dúas baixas que se lle suman ás xubilacións dos anos anteriores, e así se lle trasladou ao concelleiro de Persoal que teima en favorecer a unhas traballadoras sobre outras en base a uns motivos que descoñecemos mais que dan que pensar. Un problema se lle suma a isto, xa que o Concello podería estar a incorrer nunha fraude administrativa dende o momento que lle paga a unha traballadora por un traballo que sabe con certeza que non realiza, mais xa se sabe que a lexislación só a teñen en conta cando e como lles covén e lles vén ben.
Máis unha vez, tal e como se trasladou ao concelleiro de Persoal, se o Concello segue incumprindo o convenio e o Estatuto dos Traballadores acudiremos á Inspección de Traballo, e así llo manifestamos a Diego Fernández, porque a burla que este goberno municipal lle está facendo ao seu persoal está chegando a un punto inaturable, e o mínimo que como representantes dos traballadores podemos facer, xa que o goberno do PSOE non está polo labor de amañar nada, é denunciar a vergoñenta política de Persoal que se leva a cabo neste Concello publicamente e nos organismos que legalmente procedan, porque despois de tres anos, múltiples denuncias na Inspección de Traballo e nos xulgados e máis de 100 000 euros en salarios de tramitación dos compañeiros e compañeiras despedidas vai sendohora de que, como mínimo, lles caia a cara de vergoña e reaccionen de cara a poder amañar algo máis que beneficiar a Galivalia, a empresa da RPT, e seguir a estela das políticas caciquís que tantos anos gobernaron Betanzos, están a tempo de mudar o rumbo e dende a CIG sempre amosamos a nosa boa vontade e diálogo, só que como nin unha nin outro existe por parte do goberno municipal obrígannos continuamente a tomar outras vías, nada agradables para ninguén, mais desde logo, se algo non imos ser, iso está máis que claro a estas alturas, é cómplices das irregularidades e ilegalidades que o Concello de Betanzos comete en materia de persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario