Segundo informaron dende o Departamento de Persoal na semana pasada está aberto o prazo para inscribirse nas revisións médicas que terán lugar a mediados deste mes. Os/as traballadores/as interesados/as deben inscribirse no Departamento de Persoal e lembrade que estas revisións son de carácter voluntario.
É unha boa nova comprobar como parece que se retoma a normalidade de realizar as revisións médicas de xeito anual, tal e como se debe facer, logo de anos onde a Administración aforraba os cartos e miraba cara a outro lado cando se trataba de comprobar a saúde laboral do persoal ao servizo desta Administración local. Agora só queda vermos as condicións en que se van realizar este ano logo de que o ano pasado o goberno recibise múltiples queixas polo xeito en que se realizaron. Igualmente, agardamos que o concelleiro de Persoal, tal e como dixo, se encargue de que as revisións sexan adecuadas a cada posto de traballo e non xerais para todo o persoal.
A importancia dunhas revisións específicas radica en que nestas se pode observar como cada posto de traballo lle vai afectando á saúde dun traballador ou traballadora ao longo dos anos e estas revisións lle poidan servir á hora de acreditar unha enfemidade profesional, é dicir, derivada do traballo específico realizado no seu posto, porque, obviamente, non ten xeito que lle fagan a mesma revisión a un administrativo que a un varredor ou un xardineiro, porque as enfermidades que nun futuro poden ter derivadas do seu traballo non teñen nada que ver, e as revisións xerais son as que se poden facer no médico de cabeceira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario