21/07/14

Información pendente sobre o pagamento dos 14 días da extra de 2012

O Comité de Empresa vén de solicitarlle ao Concello información con respecto ao pagamento dos 14 días da paga extra de 2012 que o Concello realizou este mes logo de que diversos compañeiros nos estean a preguntar por este tema, e mesmo algúns traballadores que xa non están en activo, mais que o estaban no momento que lles roubaron a paga nos informasen de que non recibiran os cartos. Debido a isto solicitouse toda a información correspondente a este tema ao Concello para aclarar a situación.
Con respecto a este tema, recentemente o concelleiro de Persoal desvelou na propia Mesa Xeral de Negociación que a intervención municipal informou negativamente ao pagamento non de 14 senón de 45 días ao persoal funcionario e ese informe contrarrestouse con un feito por Galivalia, empresa contratada para a elaboración da Relación de Postos de Traballo sobre a que a día de hoxe aínda non temos nova ningunha. Este feito puntual fíxonos entender cal é o verdadeiro uso que o Concello lle pode dar a un contrato cunha empresa deste tipo, á vista de que estamos a xullo e seguimos sen convenio e sen RPT. O certo é que dende o principio entendimos que unha sentenza de laborais era inaplicable a funcionarios e menos cando a contía que se lle devolvía a este segundo colectivo ía ser maior por lle corresponder máis días, aínda hai dous anos, o Concello defendeu no xuízo da primeira demanda posta pola CIG nesta lexislatura que o persoal laboral non podía ter os mesmos dereitos que os funcionarios se non estaban recollidos en convenio, agora, dous anos despois, o propio concelleiro afirmou que botan man dos informes dunha empresa externa cando non convence o que informan os órganos municipais con respecto a un caso que lle afecta ao persoal funcionario, como cambian as cousas!
A cousa a partir de agora estará en saber cando convencerán ou non os informes da Intervención e Secretaría municipal e cando se recorrerá a informes externos, o que está claro é que visto así parece un choio para facer sempre o que peta, cando non me convence o da casa vou ao de fóra e amaño! Dende logo o que está claro é que os 21 000 euros da empresa, que dan así como arredor de 1750 euros ao mes, tendo en conta que o contrato é por doce meses, son cartos tirados se temos en conta o beneficio que vai ter para o persoal e que o Comité de Empresa e os sindicatos temos que estar continuamente enriba dos textos e as propostas con continuos erros, cartos tirados para os traballadores mais que sen dúbida ningunha deben beneficiar a alguén, e neste caso, coma no resto O PÚBLICO É SERVIZO E O PRIVADO É BENEFICIO, e consideramos inaceptable que as Administracións públicas tiren os nosos cartos para beneficiar a empresas privadas con traballos que podemos e debemos facer os empregados públicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario