11/07/14

O Concello convoca Mesa Xeral de Negociación para este luns sobre orzamentos 2014 e a RPT mais parece que sen intención de negociar

O Concello vén de convocar Mesa Xeral de Negociación para este luns 14 de xullo. Xunto coa convocatoria, que como se pode ver pecha en banda a posibilidade de negociación, tal e como indica o concelleiro de Persoal, Diego Fernández, simplemente "dá conta" da información que pretenden incluír nos orzamentos 2014.
Como vén sendo costume, convocan a dous días da Mesa e con fin de semana polo medio, con premeditación para que non dea tempo a revisar a información nin falar cos compañeiros, o "atraco a man armada" é a especialidade deste goberno municipal. 
Xunto coa convocatoria achéganos unha RPT que indica que é a vixente mais que sorprendemente (ou non) contén sutís modificacións con respecto á vixente de 2008 e unhas bases de execución dos orzamentos que afondan nas discriminacións entre persoal laboral e funcionario mais entre o propio persoal laboral. A maiores o Concello informa que haberá Oferta de Emprego Público para funcionarios e mesmo promoción interna; para laborais, con arredor de dezasete compañeiros e compañeiras menos con motivos das xubilacións non haberá nada, nin OPE nin promoción interna para laborais. As Ofertas de Emprego Público non se comunican, negócianse, que parece non é o que pretende o goberno municipal, mais descoñecemos se houbo negociación previa co resto de sindicatos. En todo caso, o único que temos claro é que hai un sector claramente beneficiado con esta OPE, a Policía municipal, non só porque serían as únicas dúas prazas convocadas para 2014, senón que a promoción de empregados municipais péchase exclusivamente á policía, sector que sae claramente beneficiado na proposta entregada polo Concello. Non dubidamos da necesidade de reforzo deste sector mais lamentamos que o Concello esqueza a necesidade de persoal noutros departamentos de servizos tan básicos como a limpeza e o cemiterio.
Este luns a CIG exporá o seu posicionamento con respecto á documentación entregada sempre ao abeiro da lexislación vixente e indicándolle ao Concello o que considera que debe mellorar nesta documentación antes de presentarlla ao pleno, á vista de que o concelleiro de Persoal xa nin convoca con vontade de negociación. Logo da Mesa Xeral de Negociación e en función das decisións que se tomen neste e con posterioridade no pleno, se presentan a documentación a este, valoraremos as medidas que debemos seguir con respecto a este proceso.
Nos vindeiros días achegarémoslle ao persoal laboral información puntual deste tema nun "Abrindo camños" monogáfico sobre esta Mesa Xeral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario