08/08/14

Perda de vixencia do convenio colectivo e espera dunha resposta por parte do Concello

Xa o mes pasado alertabamos sobre este tema, de non se renovar o acordo de vixencia do convenio colectivo o Concello podería descolgarse do convenio no momento que estimase oportuno. O día chegou e pasou, o acordo de prórroga do convenio colectivo do Concello de Betanzos caducou o pasado 30 de xullo, data en que había un ano o Concello o acordara e só por un ano, a pesar de que a solicitude do Comité de Empresa foi solicitar a prórroga mentres non entrase en vixencia un novo convenio, porque xa en 2013 viamos vir que a negociación do convenio non ía por bo camiño.

O Comité de Empresa unanimemente e por iniciativa da CIG acordou solicitarlle ao Concello a ampliación da prórroga no pasado mes de xullo, e á vista de que non había resposta mesmo solicitou unha reunión co concelleiro de Persoal antes do pleno do mes de xullo de cara a que este asunto se solucionase canto antes. A resposta do concelleiro foi clara, agora, para este tema, tamén están utilizando para asesorarse a Galivalia, a famosa empresa contratada para elaborar unha nova RPT e colaborar na negociación do convenio, que á vista dos feitos fai de todo menos aquilo para o que foi contratada. En principio, contou algo que xa sabiamos, que no caso de que o Concello se descolgue do convenio e decida non aplicalo se imos ao xulgado hai moitas sentenzas que nos darían a razón canto á vixencia dos convenios colectivos máis aló dun ano despois de se denunciar sen que se che chegase a acordo dun novo,  mais dende o Comité de Empresa xa se explicou e solicitou que o Concello adoptase un acordo explícito, ao igual que fixo o ano anterior, para non ter que chegar en ningún caso ao xulgado nin a terse que fiar da boa vontade desta Administración local na que os gobernos mudar mais o persoal debe ter sempre os seus dereitos garantidos, máis aínda que xa non é a primeira vez que o Concello de Betanzos defende nun xulgado do social que o persoal laboral non ten os mesmos dereitos que o persoal funcionario.

Dende finais de xullo o Comité agarda polo resposta do Concello sobre esta cuestión, porque o propio concelleiro dixo que falarían con Galivalia para ver se para acordar unha nova prórroga do convenio colectivo habería que levar un acordo a pleno ou serviría cunha resolución da Alcaldía, e o que é mellor aínda é que desta volta a prórroga sería, en principio, ata a aprobación dun novo convenio, cousa que xa se solicitou en 2013 mais que parece ser que segundo os informes non era posible, simplemente se podía facer por un ano, e que agora, un ano despois, sen modificación lexislativa ningunha si que se pode facer un acordo de prórroga do convenio colectivo ata a entrada en vigor dun novo, cuestión que xa nin sequera merece comentario porque cae polo seu propio peso. Xa non imos entrar tampouco en que é o Concello quen debeu reunirse xa no ano pasado co Comité de Empresa para adoptar o acordo de prórroga, porque son os traballadores e as empresas quen negocian e acordan os convenios, porque o que queremos dende a CIG é que o Concello se pronuncie dunha vez sobre este tema e traslade a decisión de prorrogalo ou non por escrito, que é como se deben facer as cousas na Administración Pública porque de pouco vale que este goberno municipal nos diga que non se vai descolgar se para o ano non está acordado un novo convenio, cambia a corporación  e decide que si que se descolga, aí o persoal laboral quedaría vendido simplemente por non ter dado na actualidade os pasos necesarios o goberno municipal para que non quedásemos sen convenio.

Independentemente de todo isto é lamentable ver como o goberno municipal acude a empresas externas para solicitar informes cando non lle conveñen os que fai o persoal municipal, estámolo vendo neste caso mais tamén o acabamos de ver na propia documentación do orzamento onde os técnicos municipais advirten que a parte da paga non se lle podía pagar ao persoal funcionario pola inexistencia dunha sentenza, mais por arte de maxia, e axudado pola empresa dos 21 000 ao ano o Concello o fixo posible, o que demostra que o seu amparo nos informes do persoal municipal pode chegar a ser completamente interesado, porque cando non interesan pídeos á empresa externa, o que si que agardamos é que deixe de dicir que non pode solucionar tal ou cal tema relativo ao persoal laboral porque llo impiden os informes dos técnicos, e utilice un criterio uniforme, sempre en beneficio dos traballadores, para todo o persoal, laboral e funcionario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario