Hai
dous meses o organismo revocou a incapacidade absoluta que tiña
recoñecida o traballador dende había catro anos
Pablo
Sánchez Pena, acompañado polo Técnico de Prevención da CIG,
Ernesto López Rei, vén de presentar denuncia penal no xulgado de
garda por prevaricación administrativa contra a funcionaria médica
do INSS que actuou na revisión que finalmente derivou na revogación
da súa incapacidade absoluta por envelenamento crónico por
mercurio.
Para
López Rei, esta actuación haina que enmarcar “nunha estratexia do
INSS de dar altas para librarse de cargas”, cualificando de
“auténtica aberración” esta política de corte economicista.
“Ademais, entendemos que houbo mala fe por parte da funcionaria
médica actuante e que emitiu unha resolución totalmente arbitraria.
Por iso imos presentar unha denuncia por prevaricación
administrativa”, apuntou.
A
este respecto, o propio afectado lembrou que cando acudiu á
revisión, a facultativa “díxome non estaba disposta a revisar
todo o meu expediente, e despois preguntoume se a incapacidade me foi
dada polo INSS ou o xulgado, porque se ma dera o INSS era máis doado
retirarma”.
Precisamente,
o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (en recurso de suplicación)
vén de considerar como enfermidade laboral a intoxicación crónica
por mercurio que padece Sánchez, xa que esta ten unha clara orixe no
seu traballo como montador de tubos fluorescentes, que conteñen
mercurio e vapor de mercurio.
Situación
de total indefensión
Pablo
estivo dous anos de baixa, tras dos cales o Sergas pasou o seu
expediente ao INSS, recoñecéndolle unha invalidez total, primeiro,
e absoluta despois. Agora, está á espera de que a Seguridade Social
dea resposta ao recurso administrativo presentado contra esta inxusta
resolución.
Na
rolda de prensa denunciouse a situación de total indefensión na que
fica actualmente Pablo Sánchez xa que perdeu o dereito á
reincorporación ao seu posto ou a cobrar unha prestación por
desemprego, e debido a súa delicada saúde –con visitas constantes
aos hospitais, episodios de perda de memoria, desorientación, etc.-
non pode desenvolver ningún traballo. Nestes momentos o único
ingreso de Sánchez Pena procede “dun ridículo subsidio”, xa que
tamén está privado da pensión de invalidez.
Ademais,
ao perder a incapacidade agora ten que afrontar parte do custe das
medicinas que toma. Cómpre subliñar que sufre máis de 40
patoloxías e que cada mes ten que tomar 1.230 pastillas, 240
inhalacións, 15 inxectábeis, 4 ampolas bebíbeis, 90 ampolas
oculares e 60 aplicacións tópicas.“Coa súa decisión, o INSS
está condenando a este home á exclusión social e á indixencia”,
advertiu López Rei.
Ningún comentario:
Publicar un comentario