30/09/14

A Área Pública da CIG reclama a reposición do 100% dos efectivos nos servizos públicos

Considera urxente recuperar todo o emprego público destruído

Diante do anuncio realizado tras do Consello de Ministros, a respecto do incremento do 20 ao 50% da taxa de reposición, que supón un cambio respecto do anunciado na mesa xeral das administracións públicas do pasado xoves, a Área Pública da CIG manifesta que “segue a ser insuficiente” e reclama o 100%, tal e como fixo na propia Mesa e como ven facendo desde que se impuxo a súa limitación.

A Área Pública da CIG denuncia que esta taxa de reposición do 50% non vai chegar para manter os servizos esenciais, nin vai permitir recuperar todo o emprego público destruído nestes últimos anos.

Por iso exixe un plan de recuperación de todos os postos de traballo destruídos nas administracións públicas e denuncia que deste xeito, “o único que fai o goberno español é deteriorar a cohesión social, eliminar servizos públicos e seguir aplicando restricións nas condicións de traballo das empregadas e empregados deste sector”.

Neste sentido, María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública, afirma que “é urxente recuperar todo o emprego destruído, rachar a barreira da taxa de reposición que segue a manter o goberno e recuperar os dereitos laborais e sociais do persoal”.

Asegura que ese 50% non só non vai posibilitar recuperar o persoal perdido en Sanidade ou Ensino senón que ademais non contempla os servizos sociais, que se manteñen cunha taxa de reposición do 0%.


Lembra que o Estado español, neste intre, é un dos últimos países da UE coa media de traballadores/as públicos/as por habitante máis baixa, xa que está en 1 por cada 16, mentres que no resto dos países sitúase en 1 por cada 6 habitantes. Subliña ademais que con esta decisión non se cumpren as recomendacións da UE, segundo a que o estado español xa chegou ao teito de destrución de emprego público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario