01/10/14

Novos contratos en presunta fraude de lei e creación de novas prazas á marxe de toda legalidade

O goberno municipal do PSOE estase a converter en todo un especialista á hora de vulnerar a normativa vixente en materia de creación e provisión de postos na Administración pública. Á última modificación de posto que lle realizaron a unha traballadora de limpeza encomendándolle funcións non propias do seu posto e é posible que nin sequera poida realizar veñen a sumarse dous contratos en presunta fraude de lei que o Concello realizou ao contratar por obra ou servizo a dúas traballadoras de limpeza para o aulario.

O Comité de Empresa, por iniciativa da CIG, trasladoulle ao Concello tanto por escrito como verbalmente a súa preocupación por esta situación, tendo en conta que a limpeza dun colexio é algo que se debe manter no tempo e ata o momento o único que hai é dúas traballadoras contratadas ata decembro, igualmente preguntoulle ao Concello polas expectativas de modificación da RPT para a creación desas prazas ou cobertura de prazas vacantes por xubilacións mais a reposta do concelleiro de Persoal foi clara, ata decembro está amañado, logo non saben como se vai facer, o que demostra unha pésima xestión de persoal nun Concello que non ten nin sequera previsión de como cubrir os servizos básicos máis aló de tres meses vista.

Como podedes ver máis abaixo o Comité de Empresa indicoulle ao goberno municipal que "o contrato por obra ou servizo debe ter “autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa” e neste caso as traballadoras foron contratadas para a “limpeza do aulario do colexio público Francisco Vales Villamarín”, cuxa prestación de servizo de limpeza depende, pois, directamente do Concello de Betanzos, e deberá realizarse con continuidade no tempo, non só durante os catro meses que estas traballadoras son contratadas, o que podería supor que estes contratos foron realizados en presunto fraude de lei tendo en conta o artigo 15.1 da Lei doEstatuto dos Traballadores da xurisprudencia consolidada que indica que non cabe acudir ao contrato por obra para cubrir necesidade propias ou permanentes da empresa; e tamén lle lembrou que "estas dúas prazas, correspondentes á limpeza do aulario do CEIP Francisco Vales Villamarín, non existen na vixente Relación de Postos de Traballo. O propio Concello de Betanzos aprobou en Xunta de Goberno Local o 24 de xullo de 2014 os orzamentos correspondentes a este ano e non presentou ningunha proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo con respecto á creación de dúas novas prazas, que vén de crear o pasado 9 de setembro sen negociación cos representantes dos traballadores e sen a preceptiva aprobación polo Pleno da corporación local, incumprindo a legalidade vixente para as Administracións públicas en materia de creación de novos postos de traballo."




Advertencias

A maiores, o Comité trasladoulle ao goberno municipal a súa preocupación polas novas funcións encomendadas a unha traballadora de limpeza que redundan con moito a limpeza de edificios e instalacións propias deses postos e que segundo nos informaron en Educación deben ser realizadas por coidadores/as e/ou auxiliares tituladas/os. O Comité tentou explicarlle ao Concello que no momento que redefine funcións dos traballadores debe ter en conta os requerimentos para esas novas funcións e se exixen titulación polo delicado que pode resultar o traballo con nenos e que, a fin de contas, se algún día pasa algo, o propio traballador que non se negou a realizar un traballo para o que non estaba capacitado tamén podería ter algún tipo de responsabilidade. A preocupación por este tema trasladóuselle en concreto ao concelleiro de Persoal que admitiu que lle constaba a situación mais obviou poñerlle ningún tipo de remedio, aínda que xa sabemos que este goberno municipal o que quere son traballadores que lle solucionen os problemas e mentres non pase nada todo vai ben para o goberno... e o día que pase algo que cada quen se busque a vida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario