Tal e como vos contabamos logo de
moitos meses e unha denuncia na Inspección de Traballo o Concello
convocou o Comité de Seguridade e Saúde.
Nesta reunión, o representante da
mutua coa que ten concerto o Concello informou de que se realizarán
as avaliacións de riscos laborais pendentes e realizarase un
seguimento con visitas nos centros nos que xa se realizou a
avaliación de riscos para comprobar se se instalaron as medidas
preventivas. Con respecto a este último punto temos serias dúbidas
de que o Concello implantase nin unha soa das medidas preventivas que
se contemplan nas avaliacións de riscos laborais realizadas pola
mutua mais nas visitas comprobarase se foi así ou non.
A maiores o concelleiro de
persoal, Diego Fernández, informou de que se ampliou o contrato de
cara a seguir coas avaliacións e que tamén xa está concluído o
Plan de autoprotección da Escola Infantil Municipal, tamén
informaron que realizarán na gardería un simulacro e formarán ao
persoal neste aspecto.
Polo que respecta ás deficiencias
dalgunhas instalacións municipais, como é o caso da Oficina de
Turismo, o concelleiro de Persoal apelou a que as medidas que se
tomen serán sempre dentro do contexto do edificio Liceo coma un
todo, e mesmo xustificou a non necesidade dun servizo na oficina por
dispoñer o propio Liceo del. En todo caso, dende a CIG lembraronlle
que as condicións de humidade e iluminación non son nada
recomendables e insistiuse na necesidade dunha saída de urxencia e
de que esa oficina se dote das medidas preventivas necesarias unha
vez que os riscos están avaliados.
Outro dos temas recorrentes é o
estado da nave de Obras, xa que na actualidade mesmo nos teñen
informado que se utiliza de almacén por parte de persoal dunha
empresa á que o Concello lle contrata ultimamente multitude de
servizos relacionados coas obras e o mantementos, e se o local foi
clausurado polo Concello logo dunha visita da Inspección de Traballo
e o Concello o pretende utilizar de almacén debería avaliar os
riscos como tal para tomar as medidas preventivas oportunas. Canto ao
persoal do Concello o concelleiro de Persoal deixou claro que o
persoal municipal non pode entrar nesa nave polo seu estado de
posibles derrubamentos e dende a CIG solicitámoslle que colocasen un
cartel na portal que informase de que o paso estaba prohibido porque
entendiamos que o persoal está a recibir ordes contraditorias con
respecto á posibilidade ou non de uso deste local que, insitimos,
está en ruínas, e no que xa se produciu un derrubamento.
Outro tema importante é o estado
do espazo do traballo de pintor, que traballa con produtos químicos
canceríxenos e cuxo uso e almacenamento está regulado pola lei, e
para nada debería traballar nun espazo onde pasen traballadores
continuamente expostos a eses produtos e sen a existencia de medidas
preventivas ningunhas. Dende a CIG trasladámoslle ao Concello a nosa
preocupación por esta situación e porque o Concello tome cartas no
asunto e se comece a preocuparse pola seguridade e saúde laboral do
seu persoal.
Tamén se fixo unha solicitude
explíticita da necesidade de que neste Concello se inicien as
avaliacións psicosociais e propúxolle comezar polo persoal do CEIP
Francisco Vales Villamarín á vista das últimas baixas por
depresión que se están sucendendo, ademais de que se instou ao
Concello a que fixese estas análises porque é posible que unha mala
organización do traballo e un exceso de carga laboral sexan tamén
desencadeantes deste tipo de situacións.
Finalmente a CIG expuxo a falta
dalgúns Equipos de Protección Individual para realizar determinados
traballos específicos e da necesidade de que todo o persoal que o
necesitase tivese uns vestiarios en condicións e duchas de auga
quente tal e como recolle especificamente a lexislación laboral
vixente en materia de saúde laboral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario